Asinado o convenio entre a Escuela de Finanzas e a AETG para promover a formación de directivos e profesionais

A Escuela de Finanzas e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia asinaron un acordo marco de colaboración cuxo obxectivo principal é contribuír ao fomento das actividades formativas dirixidas a directivos e profesionais da área TIC e da Sociedade da información.

O acto de firma tivo lugar na tarde de onte por parte dos representantes de ambas as entidades, Patricia Muiño Parente, directora xeral da Escuela de Finanzas e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo.

A Escuela de Finanzas é unha empresa destinada á organización e difusión de iniciativas formativas, dirixidas a directivos e profesionais, así como a mozos recentemente licenciados. Pola súa banda, a AETG ten comprendida entre as súas actividades a de axudar aos seus asociados no desenvolvemento da súa actividade profesional promovendo a súa formación, contribuíndo así ao desenvolvemento e progreso de Galicia. Froito deste convenio, a AETG colaborará na difusión das actividades formativas da EF entre os seus asociados, consciente da importancia da formación continuada dos profesionais e directivos ao longo da súa traxectoria profesional. Pola súa banda, a Escola de Finanzas ofrecerá descontos na realización dos Master que imparte para facilitar así a formación do colectivo.

convenio EF.JPG