Celebrado o Taller de Tecnoloxía sobre a Saúde e a súa información a traveso das redes de comunicación e os seus dispositivos, impartido polo COETG no congreso semFYC 2016

O venres día 10 de xuño tivo lugar na sede do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña o Taller de Tecnoloxía impartido por enxeñeiros de telecomunicación colexiados que forman parte do grupo de traballo eSaúde do COETG/AETG e dirixido ao colectivo médico participante no 36º Congreso da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria, celebrado na Coruña entre os días 9 e 11 de xuño.

A xornada, coordinada polo Xerente do COETG, consistiu na impartición dunha Mesa Central baixo o título "A Saúde e a súa información a traveso das redes de comunicación e os seus dispositivos. Unha xestión responsable", na que se tratou de contextualizar o contido dos tres talleres específicos que tiveron lugar de seguido en diferentes sesións de carácter simultáneo ao longo da mañá.

A traveso da Mesa Central, os relatores centraron a xornada explicando como a accesibilidade e a conectividade ás redes de comunicacións fixas e móbiles proporcionan aos profesionais da saúde poderosas ferramentas para mellorar o servizo que prestan á sociedade e como a utilización responsable e eficiente desas redes e os dispositivos que permiten acceder a elas, por parte dos profesionais da saúde, garanten unha prestación sanitaria respectuosa cos dereitos dos pacientes. Destacaron tamén como o dereito de acceso á saúde e o acceso ás tecnoloxías da información e as comunicacións nos países desenvolvidos están totalmente vinculados e como a colaboración entre os profesionais do sector saúde e do sector telecomunicacións é unha oportunidade para mellorar o noso sistema sanitario. A Mesa estivo integrada polos colexiados Jacinto Parga Fernández, Paulino González Pan e César Mariñas Dávila.

mesa central.jpg

O taller 1, baixo o título A nube segura e impartido polos colexiados Pablo Soto Cid, Jacinto Parga Fernández e Sara Rodríguez Paz, tratou sobre o Big Data e a importancia do tratamento dos datos e da súa privacidade e sobre as vantaxes que nos aporta o almacenamento na "nube" pero tamén dos seus inconvenientes e perigos debendo estar precavidos e tomar medidas para manter a privacidade.

taller1.jpg

O taller 2, no que se tratou a temática sobre O smartphone seguro e áxil impartido por Javier Fernández Fraga, Paulino Jesús González Pan e Jairo Chapela Martínez, consistiu principalmente na exposicición dunha serie de recomendacións para a instalación de aplicacións confiables, os diferentes métodos de pago dende o smartphone e sobre as configuracións de seguridade e privacidade.

taller2.jpg

Por último, no taller 3 sobre Accesibilidade a redes seguras impartido por Víctor Manuel Pita Vizoso, César Mariñas Dávila, Adrián Rodríguez Fernández e Óscar Rivas Viña, abordáronse, de xeito conceptual, sencillo e práctico, diferentes aspectos que permitisen identificar os riscos potenciais no acceso ás redes, así coma aplicar aquelas medidas de prevención básicas para establecer comunicacións seguras: cifrado da información, certificado dixital, xestión de contrasinais, etc.

taller3.jpg

Os talleres tiveron un marcado carácter práctico no que os participantes puideron explorar a traveso dos seus propios dispositivos os diferentes servizos e aplicacións recomendadas ademais de comprobar a idoneidade da súa configuración seguindo as recomendacións recibidas.

congreso medicos.jpg