Fallados os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2017 do COETG/AETG

Paulino González Pan, distinguido co título de Enxeñeiro do Ano 2017. Mar Pereira, directora da Amtega, galardoada como Socia de Honra 2017

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2017, que serán entregados no transcurso da XXII Noite Galega das Telecomunicacións, que se celebrará o vindeiro 29 de setembro na Coruña.

O premio Enxeñeiro do Ano recaeu en Paulino González Pan pola súa exemplar traxectoria profesional e o seu fondo compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións no noso país e co Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

O premio Socia de Honra foi para Mar Pereira Álvarez, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola súa contribución ó desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación na nosa Comunidade e o seu compromiso co despregue da banda larga e a vertebración dixital do noso país, a implantación da Administración electrónica e a aceleración da economía dixital.

O premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC foi para Situm Technologies, polo desenvolvemento de produtos tecnolóxicos relacionados co posicionamento en espazos interiores, e pola súa aplicación a mercados amplos. Ademais, tívose en conta a orientación desta empresa á exportación, á I+D+i e á creación de emprego tecnolóxico.

O premio ó Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa Amtega, recaeu en Balidea Consulting & Programming, polo seu proxecto UnderstAID, unha plataforma de asistencia a persoas que coidan de pacientes con demencia. O xurado tivo en conta a sinxeleza coa que a ferramenta resolve esta necesidade social, e o seu potencial para chegar a un gran número de usuarios.

O premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ó sector TIC recaeu en Alejandro Ramos Soto, por "Aplicación de conxuntos difusos en sistemas de date-to-text". O xurado salienta o innovador desta técnica, empregada para xerar escritos en linguaxe natural a partir de datos, xunto co seu alto impacto en publicacións de referencia. A sanidade, a meteoroloxía, ou a educación son algúns dos ámbitos nos que este traballo xa ten demostrado a súa utilidade.

O premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, concedéuselle a FINSA pola súa evolución cara a produtos de alto valor engadido, na cadea de transformación da madeira, e pola súa expansión nacional e internacional, as que contribuíron a renovación tecnolóxica das súas infraestruturas TIC, tanto nas súas oficinas como nos seus centros de produción.

Por último, o premio ó Mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo foi para Víctor Manuel Segura Sieiro.

PGTSI2017.jpg