Oficina Concellos AETG

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) asinaron un acordo de colaboración o 31 de marzo de 2016, renovando así un ano máis a colaboración que ambas entidades veñen mantendo nos últimos anos.

Tamén no marco deste acordo, a AETG pon á disposición dos concellos galegos un servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación.

O marco legal referente ao despregamento de servizos e infraestruturas de telecomunicacións está a sufrir numerosas modificacións ao longo dos últimos anos. Estes cambios afectan a actividades importantes sobre as que exercen as súas competencias as Administracións locais, principalmente aquelas asociadas á planificación territorial ou urbanística do municipio. A este respecto, é preciso sinalar o disposto na Lei 9/2014, de 9 de maio, de Telecomunicacións, que outorga carácter de infraestruturas básicas ás redes públicas de comunicacións electrónicas, constituíndo como obras de interese xeral, a súa instalación e despregamento. Así mesmo, dispón que os instrumentos de planificación urbanística deberán recoller as disposicións necesarias para impulsar ou facilitar o despregamento de infraestruturas de redes de comunicacións electrónicas no seu ámbito territorial.

Este servizo de asesoramento está dispoñible a través do teléfono 981 913 576 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h ou no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.