Paulino González Pan, Enxeñeiro do Ano 2017 do COETG

O vindeiro venres día 29, o noso compañeiro e enxeñeiro de telecomunicación, Paulino González Pan, recibirá o galardón de Enxeñeiro do Ano 2017 outorgado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia na gala de entrega de premios que terá lugar no transcurso da XXII Noite Galega das Telecomunicacións. Os motivos de tal distinción están baseados na súa exemplar traxectoria profesional e no seu fondo compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións no noso país, ademáis do traballo realizado a prol do noso colectivo a traveso do Colexio e a Asociación.

A Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que terá lugar no Palexco (A Coruña) estará presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. Por primeira vez, a gala será diferente cun coidado e disruptivo espectáculo. O evento comezará co habitual cóctel-networking, que dará paso, no salón Arao, ao espectáculo, en cuxo transcurso se entregarán os premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2017.

Nesta nova edición, ademais do galardón de Enxeñeiro do Ano farase entrega das distincións de Socia de Honra a Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC a Situm Technologies; GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ó sector TIC a Alejandro Ramos Soto; ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa Amtega, a Balidea Consulting & Programming; ó mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo a Víctor Manuel Segura Sieiro; e o premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións a FINSA.

paulino2.jpg