Sobre o COETG

Son os fins fundamentais do Colexio a ordenación do exercicio da profesión de Enxeñeiro de Telecomunicación, a representación exclusiva da mesma e a defensa dos intereses profesionais dos colexiados, todo isto sen perxuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial. Para o lexítimo cumprimento dos seus fins, constitúen as funcións do Colexio, entre outras, ostentar a representación colexiada da profesión de enxeñeiro de telecomunicación ante os poderes públicos, autoridades e empresas; ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados; velar polo prestixio moral, social e técnico dos colexiados; defender os dereitos e intereses da profesión; asesorar a organismos oficiais e outras entidades en materias da súa competencia; visar os traballos profesionais dos colexiados e todas as demais actividades que legalmente poden desenvolverse tendentes á ordenación e perfeccionamento da profesión e dos colexiados.

En definitiva, o Colexio ten como principal finalidade contribuír ao desenvolvemento da Sociedade da Información no seu conxunto, fomentando a investigación científica e o progreso tecnolóxico e promovendo o interese xeral no exercicio da profesión en Galicia.

Dende o punto de vista social, trata de estimular e estreitar os lazos profesionais e de compañeirismo entre os enxeñeiros de telecomunicación, en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e mantendo relacións de índole técnica e profesional coas empresas e entidades vinculadas ao sector ou ciencias afíns, tanto en España como no estranxeiro.

Entre as suas principais actividades destaca a formación tanto a nivel técnico e práctico, como no ámbito de habilidades interprofesionais, co obxectivo de servir de apoio aos colexiados nos seus coñecementos profesionais. Destaca tamén o achegamento ao avance dos diferentes sistemas que integran a profesión, co fin de que o colectivo presente solucións útiles ás necesidades evolutivas do mercado e a sociedade. Cómpre salientar ademáis a organización de conferencias e cursos que contribúen a fomentar e estender os coñecementos da enxeñería de telecomunicación, a publicación de traballos e investigacións ou a celebración de congresos nacionais e internacionais, ademais de concorrer a cantas actividades científicas sexan organizadas en relación coa especialidade por organizacións similares, nacionais ou estranxeiras.

No exercicio das súas competencias, trata de promover e integrar os valores humanos e culturais de Galicia dentro e a través das actividades desenvolvidas e, en particular, fomentando o uso do idioma galego como instrumento enriquecedor das relacións profesionais e coa sociedade.

Dende o punto de vista profesional, destaca o seu labor orientado á xestión conxunta en colaboración cos poderes públicos e outras entidades relacionadas, de cantas medidas conveñan para o desenvolvemento e eficacia do exercicio de enxeñeiro de telecomunicación, defendendo e potenciando os intereses e dereitos do colectivo, e en particular aqueles relacionados coa defensa do corporativismo e fronte ao intrusismo, promovendo disposicións legais que favorezan o desenvolvemento e a eficacia do exercicio da profesión.

Como institución, presta a función pública de servir como referente social en materia das novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. É dende os seus inicios un dos axentes máis importantes a ter en conta na evolución e desenvolvemento das telecomunicacións e da súa incorporación no avance socioeconómico.

Historia

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación foi constituído en cumprimento do Decreto 2358/1967, de 19 de agosto, como corporación de dereito público de ámbito nacional, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia nace o catro de xullo de 2004 como Demarcación do Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación no territorio da Comunidade Galega, aglutinando deste xeito aos enxeñeiros de telecomunicación colexiados residentes nas catro provincias galegas e dando servizo, tanto aos propios colexiados como á sociedade en xeral.

A Asemblea do COETG é o órgano supremo de expresión da vontade dos colexiados residentes en Galicia e está constituída por todos eles. O COETG está rexido por un órgano executivo, de dirección e administración que é a Xunta de Goberno Territorial. Está composta por un Decano, un Vicedecano, un Secretario Xeral, un Tesoureiro e dezasete Vogais.

Xunta de Goberno

De conformidade co establecido nos Estatutos Xerais do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación e o Regulamento Particular de Funcionamento do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, a actual Xunta de Goberno Territorial do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia está integrada polos seguintes membros:

Decano                   Julio Sánchez Agrelo
Vicedecana               María Edita de Lorenzo Rodríguez
Secretario               Ricardo Fernández Fernández
Vogal 1º e tesoureiro    Fernando José Cendán Garrote 
Vogal 2º                 Antonio Santiago Torres López
Vogal 3º                 Justo Rodal Pérez
Vogal 4º                 María Pilar Chapela Villanueva
Vogal 5º                 Juan Redondo López
Vogal 6º                 César Mariñas Dávila 
Vogal 7º                 Luis Castedo Ribas 
Vogal 8º                 José Manuel Ordóñez Suárez 
Vogal 9º                 Pilar Villaverde Castro 
Vogal 10º                Javier Santos Fernández Fraga
Vogal 11º                Francisco Javier Laíño Colinas
Vogal 12º                Francisco Javier Alcalá Navarro
Vogal 13º                José Miguel Gómez Apesteguía
Vogal 14º                Sara María Rodríguez Paz               

Estatutos

Tras a súa elaboración polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, a Asemblea Xeral de Colexiados na súa reunión de 30 de maio de 2000, de conformidade co establecido na Lei de Colexios Profesionais, acordou a súa remisión ao Goberno para a súa aprobación definitiva, o cal se produciu mediante o Real Decreto 261/2002, de 8 de marzo.

Acceso a Estatutos e a nota informativa

Regulamento Particular de Funcionamento

O Regulamento Particular de Funcionamento do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, aprobado en Xunta de Goberno Territorial o 16 de setembro de 2004, ten por obxecto o establecemento das normas particulares de funcionamento do COETG e as atribucións e deberes dos colexiados, de acordo co establecido nos Estatutos Xerais e Regulamento Xeral de Réxime Interior do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación.

Descargar Regulamento

Logo COETG
Distribuir contido