Novas sectoriais

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, COETG, ten nova directiva. En concreto, o proceso interno de eleccións á xunta de goberno, vén de saldarse coa proclamación e investidura da candidatura encabezada por Julio Sánchez Agrelo. A nova equipa directiva tomou posesión do seu cargo na xunta de goberno celebrada hai dous días, o 25 de abril. O decano entrante agradeceu o compromiso adquirido polas persoas coas que compartiu candidatura para, nas súas palabras, “traballar nesta nova etapa que agora comeza, en prol dos intereses do colectivo de enxeñeiros de Telecomunicación e da sociedade galega”.

Fonte: codigocero.com

A Biblioteca da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus de Vigo vén de convocar no Facebook a segunda edición do seu certame literario, un concurso que salienta por dúas cousas fundamentais: primeiro, por non abrollar especificamente dun ambiente literario no sentido estrito da palabra (cousa dobremente meritoria) e, segundo, por estar concibido para ser desenvolvido integramente nas redes. Isto último non só atinxe ao espazo de publicación das creacións senón tamén ás características que se esixen ás propostas que se presenten: que non vaian alén do que podería ser unha mensaxe común en Facebook ou Twitter. Máis polo miúdo, a extensión máxima dos textos que se presenten á II edición do Microconcurso de poemas será de cincuenta palabras. Para esta segunda convocatoria a organización decidiu apostar de cheo pola poesía, tendo en conta que o 21 de marzo celebrouse esta expresión artística a nivel internacional.

Fonte: codigocero.com

O Concello de Pontevedra presentou os días pasados os resultados un estudo sobre os hábitos tecnolóxicos dos menores de idade: cousas como que redes sociais empregan, canto tempo están en liña, até que punto cren que marca os seus rumbos de vida o feito de estaren conectadas/os, etc. A enquisa foi elaborada ao abeiro do Plan municipal de prevención de condutas aditivas (PMPCA) da Concellería de Benestar Social, aproveitando o traballo que desempeña este departamento cos centros educativos locais. A base da pescuda foi un nutrido grupo de preto de tres milleiros de estudantes (alumando de 1º a 4º da ESO, de entre 12 e 17 anos). Entre as principais conclusións que se fornecen figura a seguinte: o 75,7% dos rapaces tiveron o seu primeiro móbil entre os 10 e os 13 anos, e o 85% conta con conexión a Internet. Ademais, a gran maioría deles empregan servizos como Whatsapp ou Instagram, malia que o uso das redes sociais polos menores de 14 anos non estea permitido en España. O estudo terá continuidade en setembro con novos datos sobre hábitos por sexo, idade e nivel de formación.

Fonte: codigocero.com

O prazo de preinscrición do Programa AceleraTIC+ para formar a persoal directivo de empresas en aspectos clave da transformación dixital dos seus negocios permanecerá aberto ata o 24 de abril ás 18 horas. As persoas interesadas poderán preinscribirse no seu espazo privado na web do CDTIC ou no correo electrónico cdtic@xunta.gal. De entre as solicitudes recibidas, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) seleccionará a 25 directivos para asistir ás sesións formativas, que recibirán, ao completar o programa, o título “II Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa”.

Fonte: amtega.xunta.gal

O vindeiro 27 de abril temos unha xuntanza ineludíbel con todas aquelas cousas que nos serven para loitar contra a fenda dixital feminina e, tamén, contra a imparábel caída da presenza de muller nos estudos TIC (un proceso do que falamos recentemente en Código Cero, a través dun chamamento urxente emitido polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, o CPETIG). Falamos da vertente galega do Día Internacional das Rapazas nas TIC, impulsada unha vez máis polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) na sede de seu, e acollendo, novamente, múltiples actividades para visualizar unha serie de verdades que están alén de toda dúbida. Por exemplo, que a Sociedade da Información non será nin integradora nin universal nin innovadora nin global nin accesíbel senón conta coa presenza das mulleres para darlle forma e contido.

Fonte: codigocero.com

A compañía Hispasat está decidida a pór sobre a mesa un problema que nas cidades e nas vilas non se enxerga con claridade: o problema da escasa ou nula cobertura dixital dunha boa parte do territorio galego e estatal. Froito desta arela e da necesidade de poñer remedio a estes baleiros de cobertura que existen nunha chea de contornas xeográficas afastadas é o concurso #enREDatupueblo, organizado por Hispasat e dirixido a municipios ou entidades singulares de poboación sen ningún acceso a Internet ou con accesos de moi mala calidade. Con motivo de impulsar o radio de alcance do certame, no que participa a parroquia de Vilapoupre de Antas de Ulla, Hispasat lembrou que a día de hoxe aínda hai 2.682 núcleos de poboación no territorio estatal que non dispoñen de acceso a Internet a un mínimo de 10 Mbps, e case 600.000 fogares que non poden navegar nin a 2 Mbps. Ademais, e xa que estamos en tempo de Pascua, a compañía recordou que moitas persoas que regresan ás súas vilas e aldeas nesta Semana Santa carecerán de conexión ao estaren aquelas illadas dixitalmente.

Fonte: codigocero.com

O Consello da Cultura Galega vén de publicar un informe sobre as actitudes da nosa xuventude acerca da lingua galega. A investigación Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia fíxose en base a entrevistas a mozas e mozos de entre 15 e 25 anos, sendo unha das súas máis salientábeis conclusións unha visión positiva da nosa lingua entre as persoas da devandita franxa de idade, tanto entre as galego-falantes como entre as castelán-falantes. Significa isto que o galego goza de boa saúde ou de agoiros positivos para o seu futuro? Pois non, xa que unha cousa é o que opina a xente del e outra ben diferente e o seu uso (cada vez máis minoritario). O estudo sinala, a respecto do devandito, que un dos principais problemas é a falta de transmisión xeracional. Este proceso de desgaleguización aplícase tamén ás redes e, en xeral, ás ferramentas da Sociedade do Coñecemento, que fallan á hora de garantir a achega de contidos no noso idioma.

Fonte: codigocero.com

Os ataques informáticos convertéronse no gran perigo ao que tanto gobernos, empresas e persoas de forma individual están expostos polo uso da tecnoloxía. Co incremento de dispositivos conectados, o perigo aumenta.

Fonte: expansion.com

A empresa galega Scio IT acaba de obter do Sistema Internacional de Patentes a licenza por Buonet, a primeira plataforma off-shore de baixo custo para vixilancia, comunicacións e sistemas TIC que permite emitir e recibir sinais en zonas de sombra onde a cobertura é nula. Navantia realizará nos próximos días probas deste sistema para valorar a posible instalación na ría de Ferrol.

Fonte: lavozdegalicia.es

A chegada da banda ancha de última xeración está lonxe de converterse nunha realidade na metade dos municipios da área barbancesa, onde non dispoñen de redes desta capacidade nin hai previsións de que ningún operador o dote delas ata o 2019. Esta é a radiografía da brecha que existe en canto á calidade da conexión a Internet e que queda retratada no último informe anual elaborado polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital.

Fonte: lavozdegalicia.es

Distribuir contido