NGT

Fondo Facebook_Noite Teleco2018.jpg

Galería de Fotos / Dossier de prensa



Crónica do evento

“É preciso lembrar que a primeira Escola de Informática de España xurdiu como un spin off da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Madrid. Podemos interpretar este feito como que os telecos somos os pais da informática no noso país e iso nos lexitima aínda máis para reivindicar o noso papel no eido dixital”. Son palabras do decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) durante a súa intervención na Noite Galega das Telecomunicacións, celebrada o venres 1 de xuño no Hotel Pazo Los Escudos de Vigo.

IMG_3107.jpg

No acto, que contou coa participación do alcalde da cidade olívica e do delegado da Xunta en Vigo, case 300 asistentes (a meirande parte deles, telecos) quixeron por en valor o seu papel no campo da transformación dixital. “Precisamente contribuír a este posicionamento constitúe un dos obxectivos do noso mandato”, dixo Sánchez Agrelo, que vén de cumprir un ano á fronte do Colexio e da Asociación. “Neste tempo, traballamos especialmente na dirección de tentar que se asocie o noso colectivo a ámbitos de actividade propios do mundo dixital como poden ser o da ciberseguridade, o das redes neuronais, o da intelixencia artificial, o do machine learning ou o do Big Data.

Os telecos cara á enxeñería do coñecemento
Precisamente, en torno ao Big Data estivo centrada este ano a temática da Noite Galega das Telecomunicacións, que levou como lema Big Data: os telec@s cara á enxeñería do coñecemento e foi presentado polo actor e monologuista, Federico Pérez. “Malia que moitas veces se nos encadra en sermos os mozos das antenas, son moitos os ámbitos de actividade a cuxo desenvolvemento os telecos podemos contribuír”, apostilou Sánchez Agrelo.

A respecto do Big Data, o decano salientou que “do mesmo xeito que Internet mudou radicalmente o planeta ao engadir a compoñente de comunicación aos ordenadores, o Big Data revolucionará diversos aspectos fundamentais da nosa vida cotiá, cunha dimensión cuantitativa nunca antes vista e que pode ser especialmente útil en ámbitos tan diferentes como o científico, o empresarial ou o social”.

Papel de Vigo
Xunto a isto, puxo en valor o papel de Vigo como sede da única Escola de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, un centro que neste 2018 cumpre 33 anos. “Son xa 24 as xeracións de enxeñeiros de telecomunicación e oito de grado que se formaron nas súas aulas”, manifestou o decano. “E, por este motivo consideramos de xustiza que nesta edición a nosa gran Noite se celebrase nesta cidade”.

O máximo responsable do COETG valorou tamén o seu primeiro ano de mandato, sinalando que neste tempo o organismo que dirixe tentou abrirse máis aos cidadáns e a outros grupos de interese como empresas, universidades e administración. “Neste punto enmárcase, por exemplo, a sinatura dun convenio coa Amtega en materia de formación ou con outros colexios profesionais para que favorezan o uso das TIC nos seus ámbitos de actividade”.

Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2018

No decurso do evento, realizouse a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións 2018, promovidos polo COETG-AETG co respaldo de numerosas empresas do sector. O primeiro deles distinguiu o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, galardón que este ano recaeu no proxecto Litter Drone, monitorización do lixo mariño empregando drons e análises de imaxe dirixido por Fernando Martín, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Os membros do xurado valoraron a calidade e o grado de innovación tecnolóxica deste proxecto mediante o emprego de sistemas abertos e a participación efectiva de axentes implicados no eido da sustentabilidade ambiental.

O Premio Gradiant á Mellor Tese de Doutoramento Aplicada ao Sector TIC foi para David Vázquez polo seu traballo “Detection of image resampling and video encoding footprints for forensic applications”. Valorouse como razón determinante para outorgar esta distinción o reto tecnolóxico de alto nivel ao que dá resposta o traballo, que contribúe á análise forense de probas mediante o incremento da confianza nos contidos dixitais, as transferencias tecnolóxicas á empresas e a solicitude de patentes.

O Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións distinguiu o labor de Abanca. O xurado recoñeceu a utilización das TIC no proceso de transformación dixital da entidade financeira de cara a lograr unha banca máis áxil, próxima, transparente e innovadora.

O Premio Socio de Honra distinguiu a figura de Luciano Vidán, presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, polo pulo outorgado á entidade que dirixe en relación ao desenvolvemento de novas tecnoloxías que permiten mellorar e optimizar o traballo no eido sanitario.

Finalmente, Premio Enxeñeiro do Ano 2018 recaeu en Joaquín Lameiro pola súa exemplar traxectoria profesional e o seu fondo compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións no noso país. Enxeñeiro Superior de Telecomunicación pola ETSIT de Madrid, durante 38 anos desenvolveu a súa carreira profesional na industria das TIC e dos servizos de consultoría tecnolóxica.

Un esforzo colectivo
No seu discurso, o Enxeñeiro do Ano quixo por en valor labor como colectivo dos enxeñeiros de telecomunicación. “Un esforzo que, na nosa profesión antes e agora, non foi nin é patrimonio dun só, nin duns poucos”, asegurou Lameiro. “É o esforzo dun colectivo que traballou arreo nuns anos cruciais marcados por unha confluencia histórica e ao que correspondeu levar á sociedade a mensaxe e o convencemento de que con esa revolución tecnolóxica as cousas xa non serían, nin se farían, nunca máis da mesma maneira”, afirmou.

“Traballando desde a iniciativa privada, tamén creando empresas, ou no exercicio libre da profesión, ou traballando desde as Administracións, ou nas operadoras que implantaron as infraestructuras que fixeron todo esto posible, e tamén, como no meu caso, traballando para organizacións moi focalizadas na informática e, en última instancia, multinacionais, o que estabamos a facer todos nós, cada un desde as posibilidades da sua actividade profesional, era, nun sentido moi concreto e definido, facer país, aquí, en Galicia”, finalizou.

Entidades patrocinadoras
A Noite Galega das Telecomunicacións 2018 foi posible grazas ao respaldo dunha serie de empresas e organizacións tales como Acuntia, Cellnex Telecom, CGES, Coremain, Emetel, Ericsson, Everis, Extreme Networks, Puntogal, Gradiant, Indra, Insyte Instalaciones, IPM, Itelsis-Fundación, Optare Solutions, Orange, Palo Alto, Grupo PSN, R, Retegal, Satec, Semi, Smartel, Escola de Enxeñería de Telecomunicación de Vigo, Telefónica, Televés, Tesec, Ufinet e Zener.

Fondo Twitter_Noite Teleco2018.jpg

IMG_3107.jpg

Memoria NGTSI 2017

Galería de Fotos

“Só desde a unión podemos avanzar e afrontar con éxito os grandes retos que se nos presentan cada día como son, entre outros, a ciberseguridade e o big data. Ou facémolo nós ou alguén o fará por nós”, dixo o noso decano/presidente Julio Sánchez Agrelo, na súa intervención na XXII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebrou no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña.

familia_0.jpg

Memoria NGTSI 2016 18.79 Mb

Galería de Fotos

A XXI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que se celebrou este ano no Gran Hotel A Toxa o venres 30 de setembro, contou coa asistencia dunhas 300 persoas, e estivo presidida pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira. Tamén acudiron o director do IGAPE, Javier Aguilera e o director do estaleiro de Navantia, en Ferrol, Julio Martín.

familia.jpg

Memoria NGTSI 2015 20.4 Mb

Galería de Fotos

O Gran Hotel da Toxa acolleu o venres 25 de setembro a XX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015, punto de encontro para os profesionais das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información, dedicada, nesta edición a un mundo conectado. A cita estivo presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Tamén acudiron o vicealmirante e subdirector xeral de Ensino Militar, Andrés Breijo; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; e unha completa e diversa representación das empresas máis importantes do sector das novas tecnoloxías do noso país.

noite1.jpg

Memoria NGTSI 2014 20.4 Mb

Galería de Fotos

O Gran Hotel da Toja acolleu o venres 24 de outubro a XIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014, punto de encontro para os profesionais das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información, dedicada, nesta edición a saúde dixital e as TIC. Á cita contou coa presenza destacada do conselleiro de Economía e Industria da Xunta, Francisco Conde; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; a secretaria xeral da Consellería de Sanidade, Josefina Monteagudo; e o xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa, e unha nutrida representación dos centros sanitarios públicos e privados da nosa comunidade.

noite1.jpg

Acceder á Galería de Fotos

Acceder a Dossier de patrocinio en castelán

O Gran Hotel da Toja acolleu o venres 25 de outubro a XVIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2013, punto de encontro para os profesionais das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información, dedicada, nesta edición, ao TIC e a mellora da seguridade viaria. Un evento ao que asistiron destacadas personalidades autonómicas, provinciais e locais como a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez Casado, o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde López, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez, e o alcalde do Grove, Miguel Anxo Pérez García.

noite3.jpg

Galería de Fotos

Dossier prensa

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) celebraron a XVII edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información o día 26 de octubre no Gran Hotel de A Toxa (O Grove, Pontevedra), baixo o lema “Smart Cities, a tecnoloxía ao servizo dos cidadáns”.

mesa_ngt2011_1.jpg

Galería de imaxes

Programa do acto

O Gran Hotel da Toxa acolleu, o pasado venres 21 de outubro, a XVI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2011, punto de encontro para os profesionais das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información, adicada, nesta edición, á Nova Economía sobre a Banda Larga. O evento, presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, contou coa presenza, entre outros, da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e dun padriño de primeira orde, o presidente da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), Bernardo Lorenzo, quen reflexionou sobre o presente e futuro das Telecomunicacións en España, como vector de recuperación económica.

NGTSI_2010_familia.jpg

Este ano a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que acada a súa XV edición, co gallo da celebración do Xacobeo 2010 xirou baixo o lema O Camiño de Santiago e as Telecomunicacións europeas. O encontro tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela e contou coa participación de máis de 400 profesionais do sector das telecomunicacións e da sociedade da información do ámbito europeo, nacional e autonómico entre os que se encontraban unha grande representación dos nosos asociados e colexiados, representantes das principais empresas do sector TIC e personalidades da Administración Galega. Esta edición, foi presidida por Dna. Mar Pereira Álvarez, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e contou coa presenza de D. Alfonso Cabaleiro Durán, secretario xeral de Medios.

foto_2009.jpg

Este ano a XIV Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que xirou baixo o lema Televisión Dixital, un avance tecnolóxico e social, tivo lugar no Gran Hotel da Toxa e contou coa participación de preto de 350 profesionais do sector das telecomunicacións e da sociedade da información entre os que se encontraban unha grande representación dos nosos asociados e colexiados, importantes representantes das principais empresas do sector TIC e destacables personalidades da administración Galega. Esta edición, foi presidida polo xefe do Executivo galego, D. Alberto Núñez Feijóo. Contouse tamén coa presenza destacada de Dna. Mar Pereira Álvarez, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e de D. Alfonso Cabaleiro Durán, secretario xeral de Medios.

Distribuir contido