A AETG renova en 2019 o convenio de colaboración coa Amtega para achegar o último en tecnoloxía á sociedade

A AETG renova en 2019 o convenio de colaboración coa Amtega para achegar o último en tecnoloxía á sociedade

Dende a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia confirmamos un ano máis a nosa colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa sinatura dun acordo que, entre outras actuacións, permitirá realizar este ano talleres abertos e gratuítos sobre novas tendencias tecnolóxicas como a Intelixencia Artificial, a Realidade Aumentada ou a 5G. Estas actividades formativas, abertas, gratuítas e presenciais, estarán dirixidas a cidadáns e empresas e administracións públicas e están enmarcadas na aposta pola especialización de profesionais TIC e a capacitación dixitais de profesionais doutros sectores.

Ademais, dando continuidade as actuacións desenvolvidas e edicións anteriores dende a AETG realizaranse análises da calidade das redes móbiles e de banda larga en alomenos 250 núcleos galegos e darase continuidade ao servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación, dirixido especialmente aos axentes implicados no ámbito regulatorio das telecomunicacións e ás entidades locais. Este servizo realízase a través dun equipo de traballo integrado por Enxeñeiros de telecomunicación, cun soporte centralizado e permanente mediante contacto telefónico e correo electrónico. O acordo contempla tamén a elaboración por parte da AETG da documentación específica de soporte para a tramitación e xestión administrativa das comunicacións previas que afecten a infraestruturas de telecomunicacións.