Declaración do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014
O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) diríxese un ano máis a toda a sociedade galega con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014, que hoxe día 17 de maio, se celebra en todo o mundo baixo o lema: "A Banda Larga para o desenvolvemento sustentable".
Segundo a Unión Internacional de Telecomunicaciones (UIT), o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información ten por obxecto aumentar a sensibilización sobre as posibilidades que a utilización de Internet e outras tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) poden ofrecer ás sociedades e ás economías, así como as posibilidades de reducir a fenda dixital.
Ninguén dubida da influencia que os servizos de banda larga exercen no xeito de comunicarnos hoxe en día tanto no terreo persoal coma no profesional. Esta conectividade permanente proporciónanos un servizo que nada ten que ver coas comunicacións de hai tan so algunhas décadas. Así, os grandes piares nos que se sustenta o benestar dunha sociedade, como a saúde, a educación, o sector empresarial, o consumo ou mesmo a comunicación, vense beneficiados pola repercusión positiva do desenvolvemento sustentable da banda larga.
Resulta obvio dicir que a calidade de vida dos individuos que conforman unha comunidade está intimamente relacionada coa saúde económica desa comunidade. Estudos realizados por varias consultoras de prestixio constatan a que a duplicación da velocidade de banda larga nunha comunidade tradúcese directamente nun incremento do 0,3% do PIB da súa economía, podendo xerar incluso crecementos superiores as duplicacións de velocidade adicionais que se realicen; demostrando así que a implantación da banda larga é un importante impulsor do desenvolvemento económico dun país.
Estas novas infraestruturas, como auténticas autopistas da información, cos servizos e contidos que soportan, propician o desenvolvemento dun modelo de negocio sostible ao tempo que aumentan de forma significativa a produtividade das nosas empresas, achegándoas a mercados inalcanzables tradicionalmente, contribuíndo así á globalización da nosa economía, elemento determinante para o progreso económico da nosa sociedade.
É polo tanto para nós un obxectivo de máxima prioridade situarnos en primeira liña tratando de desenvolver e producir en Galicia esta tecnoloxía, contribuíndo así ao despregue industrial e tecnolóxico, un modelo industrial baseado nunhas novas tecnoloxías de carácter marcadamente transversal, xeradoras de riqueza, sustentables e con forte impacto na produtividade e a competitividade de todos os sectores; e sempre coa misión última de axudar ás persoas a xerar desenvolvemento económico e, polo tanto, empregos de alto valor engadido e maior calidade de vida.
Dende o punto de vista empresarial, os plans estratéxicos de modernización tecnolóxica definidos para os vindeiros anos en Galicia en base ás políticas europeas en sectores historicamente consolidados, contemplan a innovación a nivel sectorial e o seu potencial, como o factor clave para conseguir os obxectivos de converxencia con Europa en materia de desenvolvemento sustentable e as Tecnoloxías da Información e a Comunicación son consideradas como elementos facilitadores deste desenvolvemento, pola súa capacidade de incrementar a produtividade en calquera sector no que se apliquen.
A tan ansiada redución da fenda dixital debe de ser unha das prioridades das administracións públicas nos proxectos de desenvolvemento económico e social, conscientes da enorme repercusión que isto supón no progreso dunha comunidade. A UIT, como entidade comprometida co dereito fundamental dos seres humanos a comunicar, ten por obxectivo conectar a toda a poboación mundial independentemente o lugar no que resida e dos medios dos que dispoña, esforzándose por mellorar o acceso ás TIC naquelas comunidades máis desatendidas. Un obxectivo este, que debe de ser compartido polas administracións públicas e materializado a traveso do fomento da innovación tecnolóxica e do desenvolvemento de liñas estratéxicas concretas que promovan e faciliten a utilización das tecnoloxías de maneira sustentable.
O despregue das infraestruturas de banda larga é unha labor de conxunto das institucións públicas e privadas para desenvolver políticas e proxectos encamiñados a estender estas infraestruturas nos lugares nos que aínda é unha utopía. Dende o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia queremos facer extensible o chamamento da UIT ás administracións públicas, para que exista unha concienciación xeral que facilite o camiño no impulso de medidas que permitan acelerar a implantación da banda larga e facela máis alcanzable e accesible para todos.
Dende o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia dirixímonos á sociedade a traveso deste Manifesto sumándonos á iniciativa do secretario xeral da UIT, o Dr. Hamadoun I. Touré, no que insta ás entidades a organizar actividades para conmemorar o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014 e facer partícipes a todos os sectores da sociedade a fin de aumentar a sensibilización e o consenso sobre as cuestións referentes á Banda Larga para o desenvolvemento sustentable. Aproveitamos tamén a ocasión para felicitar dobremente a toda a sociedade galega, en primeiro lugar, pola celebración do Día das Letras Galegas, data dedicada á promoción da nosa literatura e a nosa lingua e, en segundo lugar, e estreitamente ligada coa anterior, pola creación da primeira web con dominio .gal, que supón a culminación dun longo proceso para a consecución dun dominio propio en internet para a lingua e a cultura galegas e a conseguinte visibilidade do pobo galego na rede.
Asdo. Ramón Bermúdez de Castro Olavide
Decano COETG