Declaración do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012
O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) quere dirixirse un ano máis a toda a sociedade galega con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012, que hoxe, día 17 de maio, se celebra en todo o mundo. Esta data aspira a contribuír á sensibilización respecto das posibilidades que a utilización das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) poden aportar as sociedades e as economías, e tamén á redución da fenda dixital.
O desenvolvemento das tecnoloxías TIC ten na desigualdade dixital o maior dos seus retos, en referencia tanto ás diferenzas existentes entre países desenvolvidos ou en vías de facelo, comunidades rurais ou urbanas, e tamén as desemellanzas que hai dentro de cada un destes lugares entre as persoas que conviven neles, e moitas veces, dentro dos seus propios fogares.
Dende o COETG, queremos facer un chamamento á sociedade civil no seu conxunto, adheríndonos ás palabras do Secretario Xeral da UIT con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012, manifestando que “as TIC desempeñan unha función catalítica na creación de oportunidades para todas as persoas, en particular as máis vulnerables e desfavorecidas, ao tempo que crean as condicións propicias para o desenvolvemento sostible a longo prazo”. Así, consideramos que é preciso utilizar o potencial das TIC en beneficio das mulleres e das rapazas, mediante a supresión das diferenzas de xénero.
O COETG insta aos gobernos e ás organizacións non gobernamentais, ao sector privado, aos responsables da educación e aos cidadáns, a recoñecer e promover o papel vertebrador e cardinal que poden desempeñar as mulleres profesionais no fomento do desenvolvemento dun sector TIC competitivo e dinámico e na prestación de servizos a este, máxime nun momento como o actual, en plena recesión económica.
Por outra banda, as TIC constitúen unha oportunidade real para superar o actual contexto de crise económica no que estamos inmersos e configúranse como o soporte preciso sobre o que desenvolver os cambios para afrontar o novo escenario. Neste contexto, o sector das telecomunicacións consolídase como un ámbito enormemente produtivo que exerce un efecto multiplicador na economía contribuíndo a incrementar notablemente o Produto Interior Bruto (PIB) e a xeración de emprego. O seu carácter multidisciplinar convérteo no motor e impulso dos demais sectores, afectando directamente á competitividade e á produtividade das empresas e establecendo unha fenda entre as que toman vantaxe do seu uso e as que non o fan, polo que o investimento no sector TIC é unha das pezas fundamentais para aumentar a produtividade e a competitividade do tecido empresarial galego.
Ademais, a crecente demanda dunha serie de aptitudes TIC en todo o planeta ofrece unha oportunidade única para situar o sector na vangarda dos novos negocios e debemos proporcionarlles aos cidadáns a formación e os instrumentos necesarios para o éxito. Porque unha nova economía TIC ocupa xa con forza os primeiros lugares de multitude de actividades económicas, algunhas impensables hai unha década, como o imparable progreso do comercio electrónico, a información, a navegación por satélite e o desenvolvemento das cidades intelixentes.
No sector das TIC conflúen así, tanto o futuro económico das nacións como a oportunidade de aboar o camiño ofrecendo vías de progreso a mulleres profesionais nos máis altos chanzos da adopción de decisións e alentando as rapazas a buscar novas oportunidades no sector. Dende o COETG estamos convencidos que a economía do século XXI estará ligada ás TIC e que só dende a igualdade abarcará a homes e mulleres por igual.
Nós celebramos esta data dobremente, porque somos enxeñeiros de telecomunicación e pola nosa condición de galegos, e hoxe, Día das Letras Galegas, énchenos de orgullo dirixirnos á nosa xente para reclamar que o eido das TIC sexa tamén elemento transmisor de coñecementos, canle de comunicación e vehículo difusor da nosa cultura.
Asdo. Ramón Bermúdez de Castro Olavide
Decano COETG