Félix Canales recibe o recoñecemento do COETG por toda unha vida dedicada ás telecomunicacións

Félix Canales recibe o recoñecemento do COETG por toda unha vida dedicada ás telecomunicacións

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) quere recoñecer a labor desenvolvida polo ex xefe provincial de Inspección de Telecomunicacións de A Coruña, Félix Canales Rodríguez, cun homenaxe celebrado con motivo da súa xubilación despois de toda unha vida profesional dedicada ao fomento e impulso das telecomunicacións.

O acto tivo lugar hoxe venres día 5 de xullo en Santiago de Compostela, e os asistentes honraron ao homenaxeado cunha cerimonia de recoñecemento ao seu compromiso co desenvolvemento das TIC en Galicia, na que o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, fíxolle entrega dunha placa conmemorativa en agradecemento aos seus anos de dedicación ao sector das telecomunicacións e pola súa colaboración co COETG no desenvolvemento das ICT e do fogar e o edificio dixital en Galicia e por outras moitas actuacións conxuntas.

Image removed.

O evento contou coa presenza dos xefes provinciais das Xefaturas de Inspección de Telecomunicacións de Galicia e compañeiros do homenaxeado, representantes da Administración Autonómica, diversos membros da Xunta de Goberno e Directiva do COETG e cunha representación dos enxeñeiros de telecomunicación de toda a Comunidade.

Dende o inicio da súa andadura profesional en 1973, Félix Canales foi testemuña directa da explosión das telecomunicacións que proliferaron de maneira imparable dende esa época ata o remate dos seus corenta anos de servizo á profesión. Durante todo este tempo, o homenaxeado xunto cos seus contemporáneos, foi o encargado de desenvolver desde o seu cargo como xefe provincial de Inspección de Telecomunicacións, a proliferación das TIC na provincia de A Coruña, contribuíndo a implantar os novos sistemas das telecomunicacións no territorio.

Perfil Profesional de Félix Canales

Nacido en A Coruña no ano 1948, desenvolveu nesta cidade practicamente toda a súa vida profesional, dedicada ao mundo das telecomunicacións nas máis diversas vertentes. Tras realizar os seus estudos de Enxeñería Técnica de Telecomunicación na Universidade Politécnica de Madrid, ingresou por oposición na Administración Civil do Estado na Dirección Xeral de Correos e Telecomunicacións, onde desempeñou os postos de Xefe Provincial dos Servizos Técnicos nos Centros de Telégrafos de Santiago de Compostela e Ferrol. En 1975 trasládase definitivamente á Coruña, inicialmente como Xefe de Liñas na Xefatura Rexional e posteriormente, como Xefe de Redes e Equipos de Transmisión na Subzona de Obras e Instalacións de Galicia.

Creada a actual Secretaría de Estado de Telecomunicacións, incorpórase a esta en 1989 participando activamente no desenvolvemento, aplicación e formación no incipiente campo das infraestruturas comúns de telecomunicacións nos inmobles. No ano 2005 é nomeado Xefe Provincial de Telecomunicacións da Coruña no actual Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, cargo que desempeñou ata o 2013, ano da súa xubilación.