Habilitado o Rexistro Galego para a Certificación Enerxética de Vivendas

Este rexistro habilitado o pasado venres 31 de maio pola Xunta de Galicia para a certificación enerxética de vivendas, permite adaptarse ás esixencias do novo Real Decreto 235/2013, que fai este trámite obrigatorio nos contratos de compra venda ou arrendamento a partir de mañá 1 de xuño. A administración galega contaba cun rexistro da certificación enerxética para os edificios de nova construción, e a adaptación a este Real Decreto permitirá a inscrición de inmobles xa existentes.

No Real Decreto 235/2013 establécese o procedemento básico para realizar este proceso: a certificación se conseguirá a través de técnicos competentes externos á Administración, e deberá achegarse xunto coa solicitude oficial ao rexistro disposto pola Xunta, tanto de maneira telemática a través da sede electrónica da Xunta, como presencial. O certificado terá unha validez de 10 anos.

Neste documento, e mediante unha etiqueta de eficiencia enerxética, asígnase a cada edificio unha determinada clase enerxética, que variará desde a A para os máis eficientes ata a G para os menos eficientes. Desta forma, favorecerase a promoción de edificios de alta eficiencia enerxética e os investimentos en aforro de enerxía. Ademais, esta norma contribúe a informar das emisións de CO2 polo uso da enerxía proveniente de fontes emisoras no sector residencial, o que facilitará a adopción de medidas para reducir as emisións e mellorar a cualificación enerxética dos edificios.