Íñigo Cuiñas, novo director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación
É unha remuda natural, porque Íñigo Cuiñas formaba parte do actual equipo directivo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, encabezado dende hai seis anos por Edita de Lorenzo. Pero hoxe confirmouse que a súa candidatura, a única que se presentou para poñerse ao fronte do centro, será a que o dirixa durante os vindeiros tres anos. Na votación acadou 70 votos a favor, sete en branco e dous en contra. Nesta nova etapa acompañarán ao catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións Manuel Fernández como subdirector de Organización Académica; Loreto Rodríguez, de Calidade; Francisco Javier Díaz, de Extensión; Enrique Costa, de Internacional e Miguel Ángel Dominguez, de Infraestruturas, este último tamén membro do ata hoxe equipo de dirección. Xunto a eles, Generosa Fernández encargarase da coordinación de grao, e Edita de Lorenzo da coordinación de máster. Trátase dun equipo, como explicou o propio Cuiñas, que busca “un equilibrio entre a experiencia e a continuidade xunto con persoas novas e ben preparadas”.
Fonte: DUVI. Diario da universidade de Vigo
Mais Información