O COETG e a AETG celebran a Noite Galega das Telecomunicacións 2011 Apostando pola banda larga como lanzadeira do desenvolvemento económico e social de Galicia

O COETG e a AETG celebran a Noite Galega das Telecomunicacións 2011 Apostando pola banda larga como lanzadeira do desenvolvemento económico e social de Galicia

Así o expresou o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, na Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, gala que reuniu na Toxa a preto de 300 profesionais das TIC na súa decimosexta edición, dedicada á Nova Economía sobre a Banda Larga.

Bermúdez de Castro igualou a banda larga coa infraestrutura esencial para a participación na economía moderna e instou a todos os axentes da comunidade tecnolóxica galega, onde o COETG debe ocupar un lugar prioritario, a colaborar coa Xunta de Galicia na implantación dos programas de alfabetización dixital ao supoñer unha oportunidade de recuperación en tempos de crise.

O acto, presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, contou co respaldo de diversas autoridades autonómicas, como a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e cun relator de excepción, o presidente da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), Bernardo Lorenzo.

Image removed.

O Gran Hotel da Toxa acolleu, o pasado venres 21 de outubro, a XVI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2011, punto de encontro para os profesionais das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información, adicada, nesta edición, á Nova Economía sobre a Banda Larga. O evento, presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, contou coa presenza, entre outros, da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e dun padriño de primeira orde, o presidente da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), Bernardo Lorenzo, quen reflexionou sobre o presente e futuro das Telecomunicacións en España, como vector de recuperación económica.

O acto, organizado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), congregou a preto de 300 profesionais das telecomunicacións, consolidándose como o referente indiscutible do sector TIC galego.

No marco da Noite o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, aproveitou para radiografar a situación actual das TIC en Galicia amparándose en diversos informes oficiais, como o último estudo da CMT con datos de 2010 sobre a “Penetración de servizos finais e de infraestruturas de Telecomunicación”, que sitúa a Galicia no terceiro posto no mapa nacional con menos conexións de ADSL e cabo por habitante. Ou a recente enquisa do INE sobre “Equipamento e Uso de Tecnoloxías de Información e Comunicación nos Fogares” con datos de 2011, que pon de manifesto que Galicia segue a sufrir unha enfermidade: o analfabetismo dixital. A porcentaxe de fogares que teñen acceso a unha conexión en Galicia está moi por debaixo da media nacional. Só Estremadura obtén peores resultados que Galicia.

Image removed.

Estes datos atribúense ás barreiras tradicionais como son as especiais características do territorio galego tales como a situación periférica do noso país no contexto europeo, a orografía, a dispersión, o envellecemento da poboación, ou o importante peso das micro e pequenas empresas no noso tecido empresarial. Mais estas non son infranqueables, comentou o decano do COETG, “porque así o amosa o feito de que no uso das tecnoloxías por parte dos mozos galegos estes estean por riba da media nacional. Nestes nativos dixitais atópase o futuro da nosa comunidade. Eles serán os garantes do progreso da sociedade galega”.

Image removed.

Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013, columna vertebral das políticas tecnolóxicas da Xunta de Galicia

Pola súa banda, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou a importancia do Plan de Banda Larga como columna vertebral de todas as políticas tecnolóxicas da Xunta e como elemento fundamental na dinamización económica. A responsable do departamento autonómico recordou que o obxectivo do Plan Banda Larga de Galicia 2010 – 2013” é conseguir unha Galicia totalmente interconectada que sirva de base para a potenciación do sector TIC e a integración das novas tecnoloxías en todos os ámbitos da sociedade”.

Image removed.

O director xerente de Gradiant, Enxeñeiro do Ano, e o presidente de INEO, Socio de Honra nos Premios Galicia das Telecomunicacións 2011

Durante a gala, o COETG tamén fixo entrega dos seus xa tradicionais premios Galicia das Telecomunicacións. O galardón Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no Sector TIC correspondeulle, nesta edición, á empresa Ilux Visual Technologies polo seu proxecto Sistema Avanzado de Navegación sobre Terreos Interactivo. O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais concedéuselle a Bahía Software polo seu programa Bay Dicom Media. O Premio INEO á Mellor Aplicación TIC 2011 foi para a empresa Contact Comunicación polo proxecto denominado Orama. O Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC recaeu no enxeñeiro de telecomunicación Gonzalo Vázquez Vilar pola súa tese “Interference and Network Management in Cognitive Communication”.

Image removed.

Jorge Cebreiros Arce, presidente de INEO, converteuse no Socio de Honra desta edición e Fernando Pérez González, director xerente de Gradiant, recolleu o galardón de Enxeñeiro do Ano da XVI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.

Image removed.

A clausura do acto de entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións correu a cargo do Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, que se deixou levar polo ambiente da Noite e deixou a un lado o seu discurso oficial para gabar o labor de innovación e o valor do esforzo que todos os premiados realizaran para chegar ata aquí.

Image removed.

Destacou tamén unha característica común a todos eles que debe servir como exemplo a toda a sociedade galega, a capacidade de non ter medo ao fracaso, xa que se ben todos os galardoados estaban aquí polo seu éxito, este era froito do traballo, a innovación e o esforzo, que non sempre alcanzan o resultado esperado, pero é nese camiño e nesa busca, onde reside o verdadeiro potencial, con independencia da súa culminación.

Concluíu a súa intervención afirmando que "Galicia vai cambiar o paso, ten que facelo, e desexou aos presentes "que esta festa se siga celebrando moitos anos máis e con tantos motivos para celebrar", felicitando tamén ós premiados.

Image removed.