O COETG organizou unha xornada sobre a Certificación Enerxética de Edificios segundo o Real Decreto 235/2013

O COETG organizou unha xornada sobre a Certificación Enerxética de Edificios segundo o Real Decreto 235/2013

O pasado xoves 23 de maio tivo lugar unha nova xornada sobre a Certificación Enerxética de Edificios, dentro do ciclo de seminarios que o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia ven organizando sobre esta materia, trala recente publicación do Real Decreto 235/2013 de 5 de abril, polo que se aprobou o procedemento básico para a certificación enerxética de edificios.
Segundo se establece nesta norma, a partir do vindeiro 1 de xuño todos os edificios deberán dispor dun certificado de eficiencia enerxética para proceder ao aluguer ou venda dunha vivenda. Trátase pois dunha actividade que abre novas oportunidades profesionais ó noso colectivo, polo que obxectivo desta xornada introdutoria foi informar ós Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia sobre aqueles aspectos máis relevantes desta medida.

Image removed.

A presentación e apertura do curso correu a cargo do xerente do COETG, Ricardo Fernández, que deu paso ao encargado de explicar as particularidades desta norma, o responsable de Servizo de Traballos Profesionais do Colexio, Marc Aznar.

Image removed.

O experto centrou a súa intervención nas posibilidades de traballo e no Plan de formación para os Enxeñeiros de Telecomunicación, aos que posteriormente se lles formulou un caso práctico: “Certificación Enerxética Software CE3X”. A xornada rematou cun animado debate que continuou no café co que o Colexio quixo agradecer aos colexiados o seu apoio e colaboración.

Image removed.

O Real Decreto establece a obriga de poñer a disposición dos compradores ou usuarios dos edificios un certificado de eficiencia enerxética que deberá incluír información obxectiva sobre a eficiencia enerxética dun edificio e valores de referencia tales como requisitos mínimos de eficiencia enerxética co fin de que os propietarios ou arrendatarios do edificio ou dunha unidade deste poidan comparar e avaliar a súa eficiencia enerxética.
Desta forma, favorecerase a promoción de edificios de alta eficiencia enerxética e os investimentos en aforro de enerxía. Ademais, esta norma contribúe a informar das emisións de CO2 polo uso da enerxía proveniente de fontes emisoras no sector residencial, o que facilitará a adopción de medidas para reducir as emisións e mellorar a cualificación enerxética dos edificios.