O Colexio Oficial/Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e a AMTEGA presentaron a súa nova "Guía de boas prácticas para o despregamento das Infraestruturas de Telecomunicación"
Hoxe tivo lugar a presentación da “Guía de boas prácticas para o despregamento das infraestruturas de telecomunicación”, un documento elaborado polo Colexio e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), na Cidade da Cultura. Trátase dun Manual de referencia para o desenvolvemento das infraestruturas TIC necesarias para soportar o acceso aos novos servizos tecnolóxicos que posibilita a Sociedade da Información. Tralo acto, que contou coa presenza da directora da AMTEGA, Mar Pereira e do decano/presidente do COETG/AETG, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, tivo lugar unha xornada técnicoformativa que se desenvolveu ao longo de toda a mañá, e na que estiveron presentes os principais prescriptores técnicos da materia (enxeñeiros de telecomunicación, instaladores, operadoras, etcétera) dos 314 concellos galegos e das entidades máis representativas neste eido.
O manual, que foi elaborado por un grupo de traballo especializado e multidisciplinar integrado por enxeñeiros de telecomunicación de diferentes perfís, seleccionado e coordinado pola AETG en colaboración coa AMTEGA, foi entregado en formato dixital a todos os asistentes.
Un documento de consenso para a modernización tecnolóxica de Galicia
Según o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Ramón Bermúdez de Castro, “Galicia atópase inmersa nun proceso de desenvolvemento no ámbito das telecomunicacións e da sociedade da información, no que as TIC e as novas redes de telecomunicacións deben ser a panca de modernización para situar a Galicia no núcleo avanzado desta nova Sociedade do Coñecemento, e para iso, debemos aproveitar ao máximo as posibilidades das novas tecnoloxías como dinamizadoras económicas e xeradoras de competitividade e innovación nos diferentes sectores produtivos”.
Esta Guía constitúe un documento de consenso que debe orientar as actuacións de todos os axentes implicados (operadoras, provedores de rede, instaladores, enxeñeiros de telecomunicación, técnicos municipais, etc.) co obxectivo de garantir o correcto e homoxéneo desenvolvemento destas infraestruturas TIC nas novas actuacións que se leven a cabo en Galicia.
Nesta publicación, que foi entregada na súa versión electrónica aos asistentes, recóllese a información precisa en termos técnicos e funcionais no que se refire á definición e implantación das redes ultrarápidas, a coordinación entre administracións e a planificación dos despregamentos de infraestruturas a longo prazo.
Galicia, a dúas velocidades
Segundo sinalou Bermúdez de Castro, “as redes ultrarápidas deben ser un obxectivo estratéxico de calquera sociedade avanzada. A Unión Europea así o entendeu ao establecer como obxectivo prioritario na Axenda Dixital Europea 2020 que a velocidade de conexión mínima dos cidadáns europeos sexa de 30 Mbps en 2020 e que polo menos un 50% da poboación teña acceso a taxas de transferencia de 100 Mbps”.
Segundo este documento, que relaciona de forma directa a velocidade de conexión coa innovación e a creación de empresas, poñendo como exemplo a Corea do Sur e Xapón, líderes en ambos os dous aspectos a nivel mundial, as redes ultrarrápidas funcionan como un imán para as empresas e como un fertilizante para a creación de startups, pero os niveis europeos aínda están moi por debaixo, sobre todo nas rexións menos poboadas, como no rural galego. Os esforzos combinados dos operadores e as entidades públicas deben ser os que cumpran os obxectivos neste ámbito.
A elaboración desta completa e exhaustiva guía foi posible grazas á colaboración entre COETG/AETG e a AMTEGA, no marco dun convenio asinado entre ambas entidades. Este pulo dende a Xunta de Galicia sitúase dentro das actuacións derivadas da 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, iniciativa enmarcada na súa aposta pola tecnoloxía e a economía do coñecemento en Galicia, obxectivo no que converxen ambas entidades.
Guía Boas Prácticas para o Despregamento das Infraestruturas de Telecomunicación
Este documento está baixo unha Licencia Creative Commons Atribución-NoComercial-CompartirIgual 3.0 Unported.