O GAIN presta apoio para a participación no Programa para emprendedores galegos FIWARE
O programa FIWARE, financiado polo VII Programa Cadro da CE, ten como obxectivo apoiar aos emprendedores á hora de levar a súa idea ao mercado. Para o cal existen actualmente 16 aceleradoras que traballan en sectores que van desde a agricultura aos contidos ou ao transporte. Estas aceleradoras repartirán 80 millóns de euros entre PEMEs e emprendedores para desenvolver aplicacións e servizos innovadores baseados na tecnoloxía FIWARE. O modelo de aceleración plantexado dá a posibilidade de acceder a un financiamento de entre 50 mil e 150 mil euros por proxecto. Ademais poderán recibirse servizos de asesoramento, formación e acceso libre ao uso da tecnoloxía FIWARE, a cal permite acelerar o proceso de converter as ideas en realidade e, por tanto, da xeración de negocio.
Éxitos alcanzados ata o momento: Once das aceleradoras que forman parte do programa FIWARE teñen presenza española no seu consorcio. Segundo información publicada polo programa, o 25% das candidaturas enviadas en primeira convocatoria foron españolas. O ratio de éxito medio do programa nas primeiras convocatorias é de case un 20%. Nas convocatorias pechadas ata o momento repartíronse máis de 40 millóns de euros.
Convocatorias abertas: Haberá convocatorias ao longo do ano 2015 con deadlines en: Xuño (4), Agosto (1), Setembro (2), Outubro (2) e Decembro (1).
Servizo de apoio: GAIN pon ao servizo das PEMEs e emprendedores/as galegos/as un servizo de apoio á participación neste programa. Para optar a este servizo tan só hai que cubrir o formulario dispoñible nesta ligazón, e remitilo a programas.gain@xunta.es. Unha vez recibido avaliarase a elixibilidade das propostas e prepararase un informe persoalizado mostrando as fortalezas e debilidades da idea. Ademais, no caso de decidir presentarse a algunha convocatoria recibirán un servizo de revisión da proposta previa á presentación.