O Goberno aproba a nova Lei Xeral de Telecomunicacións

O Consello de Ministros aprobou o Proxecto de Lei Xeral de Telecomunicacións, a proposta do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. A Lei actualiza a normativa para adaptala aos profundos avances que viviu o sector das telecomunicacións e para favorecer o desenvolvemento futuro da economía dixital, que o Goberno considera un dos alicerces económicos con máis potencial de crecemento no noso país.

A nova Lei busca crear o marco adecuado para facilitar os investimentos necesarios para o desenvolvemento desta economía dixital, eliminando barreiras e fomentando a competitividade e a protección do usuario. Entre as novidades, simplificarase o despregamento de novas redes, favorecendo o uso compartido de infraestruturas entre compañías e eliminando trabas para a concesión de licenzas.

Ademais, a nova Lei asegura a unidade de mercado e marca as bases para o investimento en redes ultrarrápidas fixas e móbiles.

O Proxecto de Lei actualiza a normativa vixente que data de 2003 e resolve determinadas cuestións que afectaban negativamente á competitividade dos operadores de telecomunicacións, como o son a penalización do despregamento de novas redes, o investimento e a provisión de servizos. Pola súa banda, os usuarios verán melloras na cobertura, un incremento da velocidade de Internet e a redución de prezos e custos. Ademais, mellórase a protección ao usuario.

A nova Lei Xeral de Telecomunicacións insérese dentro do Plan Nacional de Reformas que está a levar a cabo o Goberno como parte esencial da política económica. Esta enmárcase dentro do impulso á economía dixital que o Executivo puxo en marcha e cuxo eixo central é a Axenda Dixital para España.

Mais Información