O presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, Luciano Vidán recibirá a distinción de Socio de Honra da AETG

O Premio Socio de Honra da AETG 2018 distingue nesta nova edición dos premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2018, a Luciano Vidán, presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, polo pulo outorgado á entidade que dirixe en relación ao desenvolvemento de novas tecnoloxías que permiten mellorar e optimizar o traballo no eido sanitario. Neste sentido, o Colexio de Médicos da Coruña, segundo constata o seu representante, aposta polo favorecemento do uso das TIC na profesión médica co obxecto de que o seu emprego redunde “nunha mellor praxe e nunha mellor atención sanitaria aos cidadáns”.
O homenaxeado recollerá o galardón o vindeiro 1 de xuño en Vigo, no marco da celebración da vixésimo edición da Noite Galega das Telecomunicacións 2018, á que está prevista a asistencia de multitude de empresas TIC e representantes das entidades relacionadas co sector.