O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recoñece a competencia dos enxeñeiros de telecomunicación para a presentación de proxectos de baixa tensión

O fallo apoia integramente as teses do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación fronte aos criterios da Xunta de Galicia e do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia apoia as teses defendidas polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación e apóiase na recente xurisprudencia do Tribunal Supremo que corrobora que os enxeñeiros de telecomunicación “teñen unha formación en electrónica e electricidade que os habilita para redactar e asinar proxectos de instalacións eléctricas de baixa tensión”. A sentenza afirma ademais que a Administración non pode denegar o rexistro de proxectos en materia de baixa tensión presentados por enxeñeiros de telecomunicación.

O proceso comezou en setembro de 2009, cando unha colexiada de Galicia informounos de que a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia (Delegación de Pontevedra) denegara un proxecto de iluminación pública asinado por ela mesma cando con anterioridade outros proxectos da mesma materia si lle foron aceptados. O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación iniciou a reclamación por vía administrativa ante a propia Consellería e ante a falta de resposta interpuxo, nos prazos legais, un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Ante a presentación do citado recurso, a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia xunto co Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia presentáronse no procedemento ante o TSJ de Galicia argumentando a falta de competencia dos enxeñeiros de telecomunicación en materia de baixa tensión.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, que cumpre con estas accións a súa obriga de servizo aos colexiados e de vixilancia e defensa das atribucións profesionais, motivo polo que correu con todos os gastos legais ocasionados neste proceso, quere mostrar a súa satisfacción por esta sentenza e facer públicas as súas conclusións polo que poida afectar a outros colexiados que se atopen en situacións semellantes.