O Tribunal Supremo avala a legalidade dos títulos habilitantes para o exercicio profesional do Enxeñeiro de Telecomunicación
O Tribunal Supremo respaldou o fallo da Audiencia Nacional que determinaba a legalidade das Ordes CIN/355/2009 e 352/2009 de 9 de febreiro polas que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habilitan para o exercicio da profesión de Enxeñeiro de Telecomunicación e de Enxeñeiro Técnico de Telecomunicación, respectivamente, co que de maneira firme declárase a legalidade das vías de acceso ao Máster, que foran recurridas por parte do Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Peritos de Telecomunicación (COITT). Tanto no recurso de Casación ante o Tribunal Supremo, como anteriormente ante a Audiencia Nacional, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación (COIT) estivo personado defendendo a legalidade das normas, que finalmente foron plenamente verificadas.
Con esta resolución garántese ademais a plena vixencia e legalidade dos diferentes títulos de Grado e de Máster que no ámbito das telecomunicacións se verificaron en cada unha das Escolas españolas, evitando desta forma que determinados títulos xa verificados poidan quedar comprometidos por unha resolución xudicial, como ocorreu recentemente co título de Graduado en Enxeñería da Edificación.
Ademáis, quedan recoñecidas como competencias exclusivas dos Enxeñeiros de Telecomunicación as relativas á capacidade de dirección de obras e instalacións de sistemas de telecomunicación, á dirección de proxectos en todos os ámbitos da Enxeñería de Telecomunicación, á dirección xeral, dirección técnica e dirección de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación, en empresas e centros tecnolóxicos e á capacidade para a elaboración, dirección, coordinación e xestión técnica e económica de proxectos en materia de telecomunicacións, competencias todas elas que non están recollidas na orde relativa á enxeñería técnica de telecomunicación.
Do mesmo modo, o Consello de Universidades non poderá verificar ningún título que utilice a denominación "Máster universitario en Enxeñería de Telecomunicación" sen que cumpla coas especificacións que marca a norma citada para os títulos universitarios oficiais que habilitan para o exercicio da profesión de Enxeñeiro de Telecomunicación.