Remata a primeira iniciativa de mentorización do Colexio de Telecos co alumnado de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo

Remata a primeira iniciativa de mentorización do Colexio de Telecos co alumnado de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo

O grupo de traballo de Mentoring e Vocacións TIC do COETG ven de finalizar a primeira das edicións do proceso de Mentoring coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, polo cal as alumnas e alumnos de último curso do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, tiveron a oportunidade de participar nesta iniciativa de forma individualizada.
Un proxecto con perspectiva de consolidación unha vez finalizada a primeira das edicións, debido aos resultados obtidos e o grado de satisfacción amosado, tanto por parte das alumnas e alumnos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, como por parte das persoas mentoras, profesionais da enxeñaría de telecomunicación e pertencentes ao COETG, coincidindo na opinión de que foi unha experiencia de aprendizaxe moi positiva e satisfactoria.

O Mentoring, proceso no que un/ha profesional con experiencia (persoa mentora), acompaña á persoa mentorizada (mentee) a conseguir as súas metas e potenciar as súas habilidades e talento mediante conversas e accións de aprendizaxe, xurdiu a partir da necesidade de axudar ao estudantado no tránsito do mundo académico á contorna da empresa e o emprendemento, etapa de grandes cambios e incertezas.

juan e ivan
Juan Redondo (mentor) enxeñeiro de telecomunicación e Iván Alejandre (mentee) estudante do Máster

Tomar consciencia das capacidades e competencias persoais e potenciar o talento, a mellora da confianza a través do autocoñecemento e o establecemento de metas persoais e profesionais, son algúns dos obxectivos que se perseguen neste proceso, así como a adquisición dunha visión ampla sobre o mundo empresarial e distintos tipos de liderado.
Segundo declarou o responsable do grupo de Mentoring e Vocacións TIC do COETG e tamén mentor, Juan Redondo, esta actividade completa a formación académica dotando ás persoas de habilidades non técnicas relacionadas coa comunicación, o autocoñecemento e a intelixencia emocional, entre outras. Tanto Paulino González como Santiago Torres, tamén mentores desta primeira edición, coincidiron en describir a experiencia como enriquecedora tanto para as alumnas e alumnos, como para os propios mentores.
Esta iniciativa foi presentada ao estudantado do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación coa colaboración da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o grupo de traballo de Mentoring e Vocacións TIC do COETG durante o curso pasado, nunha xornada enmarcada no Foro Tecnolóxico de Emprego, evento que organizan anualmente as alumnas e alumnos das tres escolas de enxeñaría do campus da Universidade de Vigo.

paulino e camilo
Paulino González (mentor) enxeñeiro de telecomunicación e Camilo Piñón (mentee) estudante do Máster

Desde a creación do Colexio en Galicia, a colaboración coa comunidade universitaria galega foi continua, así como a da Asociación homónima, principalmente coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, materializada en diferentes iniciativas en prol da promoción dos estudos de ciencia e tecnoloxía e da divulgación das TIC.

santi y lucia
Lucía Amaro (mentee) estudante do Máster e Santiago Torres (mentor) enxeñeiro de telecomunicación