XIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014

XIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014

Image removed.

Memoria NGTSI 2014 20.4 Mb

Galería de Fotos

O Gran Hotel da Toja acolleu o venres 24 de outubro a XIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014, punto de encontro para os profesionais das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información, dedicada, nesta edición a saúde dixital e as TIC. Á cita contou coa presenza destacada do conselleiro de Economía e Industria da Xunta, Francisco Conde; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; a secretaria xeral da Consellería de Sanidade, Josefina Monteagudo; e o xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa, e unha nutrida representación dos centros sanitarios públicos e privados da nosa comunidade.

Image removed.

A Noite, que contou coa participación de preto de 250 profesionais dos nosos ámbitos privado e público das tecnoloxías e a saúde, foi inaugurada polo decano e presidente do COETG e AETG (Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia), Ramón Bermúdez de Castro, que aproveitou a cita para facer un chamamento ben claro: “Precisamos unha sanidade sostible e conectada co futuro”. Na súa opinión, as TIC e a innovación en tratamentos son a pauta a seguir: “Temos unha excelente sanidade, unha das mellores do mundo, pero podemos perder esa posición de vangarda se non a facemos sostible e conectada co futuro, coas novas tecnoloxías e cos novos tratamentos”, asegurou o decano Ramón Bermúdez de Castro, durante a súa intervención este venres no Gran Hotel da Toxa.

Image removed.

A gala deu comezo coa proxección dun vídeo no que se puxo de manifesto a importancia da sanidade galega, que xera 36.000 postos de traballo na empresa pública e 10.000 na privada. Neste vídeo, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, advirte da necesidade de evolucionar dende un sistema pensado para os pacientes agudos a outro que se centre nos crónicos, e nese camiño “as Tecnoloxías da Información e a Comunicación serán fundamentais”, sinala.

Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014

Image removed.

Durante a gala, o COETG tamén fixo entrega dos seus xa tradicionais Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Nesta ocasión, Gil Carlos Bernárdez Matovelle, foi nomeado Enxeñeiro do Ano 2014 pola súa carreira profesional como enxeñeiro de telecomunicación en postos de responsabilidade en destacadas empresas en Galicia e polo seu alto sentido da profesión, que se traduciu na dedicación plena á Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, da que foi socio fundador e presidente. O mesmo Gil Bernárdez recolleu o galardón de mans do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.

Image removed.

A Cruz Vermella Galicia, converteuse nesta XIX edición da Noite en Socio de Honra da AETG,polos seus esforzos permanentes na renovación das súas infraestruturas tecnolóxicas, das que fai un uso intelixente na procura dunha maior eficiencia dos seus servizos. Isto queda demostrado en iniciativas como a súa plataforma de teleasistencia para persoas que viven soas, ou polo programa Agora máis que nunca, unha ferramenta web que ten como finalidade axudar aos máis afectados pola crise. A Asociación tamén valorou os acordos que a Cruz Vermella ten asinado con diferentes entidades para situarse na vangarda das TIC. O premio foi recibido pola presidenta da ONG na nosa comunidade, Carmen Colmeiro, da man de Ramón Bermúdez de Castro, presidente-decano da AETG-COETG.

Image removed.

O galardón Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no Sector TIC correspondeulle, nesta edición, á empresa Torus Software Solutions, polo seu alto grao de innovación, a creación de emprego, a súa tecnoloxía e a súa aplicación a mercados amplos. Entregou o premio o director xeral de Itelsis, Gerardo García Alvela, e recolleuno Guillermo López Taboada, de Torus Software Solutions.

Image removed.

O premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais en colaboración con Amtega, recaeu en InfoJC S.L., polo proxecto, Dixesta: Tecnoloxías innovadoras para a vida saudable. O galardón recoñece unha proposta transversal e colaborativa, que mellora a calidade de vida, diminuíndo a fenda dixital, e orientada ás necesidades do cliente. Entregouno a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, a Javier Cebreiros, de Info JC.

Image removed.

O premio INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador foille concedido a UTE Everis-Coremain polo seu proxecto InnovaSIS, Sistema integral de xestión de pacientes, polo seu alto grao de innovación, a especial potenciación da cooperación entre empresas e Administración, o aval de ter superado un concurso no competitivo marco da “compra única innovadora” e o seu enfoque da xestión hospitalaria dirixida ao paciente. O encargado de entregar o recoñecemento foi o presidente de INEO, Jorge Cebreiros. Recibiuno Alberto Borrego Díez, health-director de Everis.

Image removed.

E o premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC recaeu en Francisco Alberto Varela García, por Análise xeoespacial para a caracterización funcional das infraestruturas viarias en modelos de accesibilidade territorial utilizando sistemas de información xeográfica. O xurado valorou o potencial deste traballo como xerador de avances na enxeñería civil mediante a aplicación das TIC, e as súas propostas para o mellor aproveitamento das infraestruturas viarias, coa implementación de métodos orixinais de análise da súa funcionalidade, aplicados aos sistemas GIS. Tamén destacou a súa contribución á xeración de novas patentes e iniciativas empresariais. O propio Francisco Varela recolleu o galardón de mans do xerente de Gradiant, Fernando Jiménez.

Image removed.

O premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións concedéuselle a compañía R, polo seu esforzo e dedicación en pechar a fenda dixital en Galicia, mediante a instalación de redes pioneiras dotadas de equipamento de última xeración e servizos de gran ancho de banda, que chegan cada día a máis localidades. O galardón recoñece, ademáis, os seus despregamentos en fibra, cable, SPW e vídeo, dende unha visión integrada das IIT, que lle están a permitir ofrecer aos seus clientes un amplo abano de servizos nun tempo récord e por diante dos seus competidores. O encargado de recollelo foi Julio Sánchez Agrelo, director da División de Rede da compañía, a quen lle foi outorgado polo conselleiro delegado de Acuntia, José Manuel Sánchez Mirón.

Image removed.

En agradecemento aos nosos patrocinadores:

Image removed.