A XVII edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información estará dedicada ás Smart Cities

A XVII edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información estará dedicada ás Smart Cities

Como cada ano por estas datas, o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) están inmersos na organización da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, un dos encontros do sector TIC máis relevantes da nosa comunidade, que reúne á meirande parte das empresas e profesionais, e no que se celebra a entrega dos xa tradicionais Premios Galicia das Telecomunicacións.

Esta nova edición estará dedicada ás “Smart Cities”, un concepto de cidades comprometidas co entorno, onde as infraestruturas están dotadas de solucións tecnolóxicas avanzadas para facilitar a interacción das persoas cos elementos urbanos e no que están implicados diferentes sectores, como o enerxético ou o asistencial e mesmo outros, como o de turismo e ocio. Interveñen tamén múltiples disciplinas referentes á mobilidade urbana, a seguridade, a teleasistencia, a administración electrónica...

Na Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012, que este ano terá lugar o vindeiro día 26 de outubro en A Toxa, contaremos co patrocinio das empresas máis importantes do sector, sen as cales non sería posible a celebración deste evento.