A AETG renova acordo con PuntoGal con vantaxes para asociados

A AETG e PuntoGal manteñen as súas accións de colaboración coa renovación do convenio anterior, para facer chegar ao colectivo de enxeñeiros de telecomunicación asociados un desconto á hora de obter un dominio .gal.

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia forma parte dos dominios pioneiros e apoiou desde o primeiro momento a posta en marcha do rexistro galego. Ambas entidades seguen mantendo o propósito de realizar actividades e proxectos de forma conxunta en asuntos que resulten de interese para ambas as entidades e os colectivos que representan como, por exemplo, a organización de actividades formativas, eventos de interese común, proxectos e publicacións, etc, ao abeiro do convenio marco que manteñen vixente. Entre estas actividades destacamos a participación de PuntoGal como entidade colaboradora na Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información ou a publicación de artigos na revista A Nosa Rede.

Esta nova acción para obter dominios .gal, enmárcase na colaboración institucional que existe entre ambas institucións dende a creación do dominio e no marco do plan de PuntoGal para incentivar o uso do dominio entre colectivos representativos da sociedade galega. O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que os asociados da AETG poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros anuais máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través das empresas rexistradoras de dominios que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.

PuntoGal é a entidade que xestiona o dominio de internet “.gal”. A día de hoxe, conta máis de 6.300 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares.

Por outra banda, un dos principais obxectivos da AETG, é o de contribuír ao desenvolvemento e progreso de Galicia a través da difusión e potenciación das telecomunicacións e promocionar o uso das tecnoloxías da información e a comunicación no ámbito da nosa comunidade.

Máis información en: Entorno Digital e Dinahosting

logo punto gal.jpg