A AMTEGA e o COETG promoverán xuntos o desenvolvemento efectivo da Sociedade da Información na nosa comunidade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) colaborarán no impulso da Sociedade da Información en Galicia. Así se recolle nun convenio asinado esta mañá entre a directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro Olavide.

Segundo establece o acordo, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia comprométese a levar a cabo unha serie de actuacións como a verificación da calidade do servizo das redes de acceso de banda larga executadas ao abeiro do Plan de Banda Larga de Galicia, ou a realización dunha xornada técnica especializada no novo escenario lexislativo en materia de infraestruturas TIC. Esta acción completarase cun plan de difusión e comunicación realizado en colaboración coa AMTEGA que irá dirixido aos 315 concellos galegos e ao resto dos axentes involucrados do sector.

Asemade, se levarán a cabo outras actividades encamiñadas a promoción das telecomunicacións en Galicia como o recoñecemento de proxectos innovadores ou de persoeiros salientables no mundo da Enxeñaría de Telecomunicación, así como das súas contribucións ao fomento da Sociedade da Información e das Tecnoloxías de Telecomunicación.

Esta colaboración encádrase dentro das accións definidas na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, e persegue entre outros obxectivos promover actuacións que faciliten e impulsen a incorporación de toda a sociedade aos novos recursos tecnolóxicos da información e das comunicacións e a implicación dos cidadáns galegos na utilización das novas tecnoloxías como factor xerador de novas capacidades, de emprego e de desenvolvemento económico, sobre a base da igualdade no acceso.

Neste senso, o COETG actuará como auditor tecnolóxico e levará a cabo a comprobación do correcto funcionamento das redes de banda larga despregadas segundo o devandito Plan, que ten entre os seus obxectivos posibilitar a banda larga de calidade a todos os galegos e situar a nosa comunidade entre as rexións de referencia no desenvolvemento das novas tecnoloxías e infraestruturas para a Sociedade da Información.

Asemade, o COETG verificará que os servizos prestados polas redes subvencionadas, tanto fixas como sen fíos, cumpren cos niveis de servizo esixidos polas bases reguladoras e polas resolucións de concesión das axudas, nunha mostra dos núcleos de poboación obxectivo que figuran nas devanditas resolucións de concesión das axudas aos operadores para a extensión de redes de acceso de banda larga en Galicia, cun número de verificacións no inferior a 500.

Accións divulgativas e formativas

Debido aos numerosos cambios regulamentarios no referente ás infraestruturas de telecomunicacións que se están a producir, o COETG realizará unha xornada formativa de divulgación dirixida a técnicos municipais e demais axentes involucrados, co fin de dar a coñecer estas modificacións e servir de asesoramento na adaptación a este novo escenario lexislativo.

O programa desta xornada será moi diverso e abranguerá todo o referente ás infraestruturas de telecomunicacións desde o punto de vista do proxecto de “Lei de impulso e ordenación de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia” e do proxecto de “Lei Xeral de Telecomunicacións”.

Actividades de auditoría tecnolóxica

Este convenio forma parte dun conxunto de medidas que a Xunta de Galicia, consciente da importancia da extensión da cobertura de banda larga ao conxunto da cidadanía, empresas e servizos públicos de Galicia, está a impulsar para o despregamento de redes de banda larga en zonas do territorio que non contaban con cobertura ou ben esta era deficiente.

Así, dentro deste novo marco normativo, e tal e como se abordará na xornada, un obxectivo prioritario é asegurar que os despregamentos das infraestruturas de telecomunicación leven a cabo de xeito ordenado e eficiente, polo que é fundamental a realización de determinadas medidas como a inclusión das infraestruturas de telecomunicacións e redes públicas de comunicacións electrónicas nos plans urbanísticos municipais, etc.

Outro tema de vital importancia é o novo escenario regulatorio no ámbito das licenzas de instalación de antenas de telefonía móbil, tras a recente publicación por parte do Executivo estatal da “Lei de medidas urxentes de liberalización do comercio e determinados servizos” pola que se elimina totalmente a previa obtención de licenzas de funcionamento autonómicas e municipais para prestar o servizo de telefonía móbil mediante estacións ou instalacións radioeléctricas, substituíndoa por unha declaración responsable.

Esta xornada técnica completarase cun plan de difusión e comunicación que se elaborará en colaboración coa AMTEGA, dirixido aos 315 concellos galegos e ao resto dos axentes involucrados do sector.

Outras actividades de difusión

A colaboración incluirá tamén o desenvolvemento de diversas actuacións complementarias de difusión como aquelas orientadas ao recoñecemento de proxectos innovadores, de persoeiros salientables no eido da Enxeñaría de Telecomunicación, así como das súas contribucións ao fomento da Sociedade da Información e das Tecnoloxías de Telecomunicación.

foto_para_web.jpg