A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia presenta a Guía práctica para a implantación do Edificio e o Fogar Dixital

O luns 15 de outubro tivo lugar na Cidade da Cultura a presentación da Guía práctica para a implantación do Edificio e o Fogar Dixital, elaborada pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Este documento-marco, que contén toda a información precisa en termos técnicos e económicos sobre a implantación do Edificio e o Fogar Dixital, será o Manual de referencia en Galicia para o desenvolvemento das infraestruturas TIC necesarias para soportar o acceso aos novos servizos tecnolóxicos que posibilita a Sociedade da Información.

Tralo acto, que contou coa presenza do presidente da Asociación, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, e da directora da AMTEGA, Mar Pereira, tivo lugar unha xornada técnico-formativa que se desenvolveu ao longo de toda a mañá con grande afluencia, e na que estiveron presentes os principais axentes implicados no Fogar Dixital (enxeñeiros de telecomunicación, instaladores, arquitectos, construtores, etcétera) dos 315 concellos galegos e das entidades máis representativas neste eido.

cpdi.jpg

A elaboración do documento correu a cargo dun grupo de traballo especializado e multidisciplinar integrado por enxeñeiros de telecomunicación de diferentes perfís, seleccionado e coordinado pola AETG en colaboración coa AMTEGA, e pode descargarse no seguinte enlace:

Guía Práctica para a implantación do Edificio e o Fogar Dixital

Licencia Creative Commons
Este documento está baixo unha Licencia Creative Commons Atribución-NoComercial-CompartirIgual 3.0 Unported.

Un documento de consenso para a modernización tecnolóxica de Galicia

Facilitar a vida das persoas mellorando a asistencia sanitaria aos maiores no seu domicilio, a eficiencia enerxética e o conseguinte aforro na factura xunto cun maior confort na vivenda, o incremento e mellora da oferta de lecer e entretemento ou mesmo as posibilidades de aprendizaxe a través da teleformación, son só algunhas das múltiples vantaxes que o Fogar e o Edificio Dixital poden ofrecer aos cidadáns galegos.

Pero para equipar os espazos domésticos con estes servizos, as edificacións deben estar provistas das infraestruturas que permitan a súa implantación. Esta Guía constitúe un documento de consenso que debe orientar as actuacións de todos os axentes implicados (promotores, arquitectos, construtores, instaladores, enxeñeiros de telecomunicación, técnicos municipais, etc.) co obxectivo de garantir o correcto e homoxéneo desenvolvemento destas infraestruturas TIC nas novas construcións que se leven a cabo en Galicia.

A publicación recolle toda a información precisa en termos técnicos e funcionais no que se refire á definición e implantación do Edificio e Fogar Dixital, incluíndo os edificios residenciais, os non residenciais e as vivendas unifamiliares. O documento inclúe tamén a estimación económica da implantación do Edificio e o Fogar Dixital e analiza o investimento necesario para a preinstalación do Fogar Dixital nas vivendas.

O COETG aposta por converter Galicia nun ecosistema de innovación aberta

O desenvolvemento do Fogar Dixital é un obxectivo estratéxico de calquera sociedade avanzada. O Fogar Dixital concíbese como a base da xestión do Edificio Dixital, que á súa vez constitúe o principal elemento na consolidación dunha Cidade Dixital ou Smart City. A través deste concepto tan novidoso que concibe a cidade intelixente como un ecosistema de innovación aberta -un eixe vital da Axenda Dixital Europea-, preténdese englobar a definición dunha cidade mellor xestionada, máis sostible, máis habitable e, en definitiva, con mellor calidade de vida, grazas a utilización de multitude de tecnoloxías e dispositivos para transmitir información útil e prestar servizos aos cidadáns. Apostar pola promoción de fogares e edificios dixitais, fará que o camiño á cidade intelixente sexa máis doado.

A elaboración desta completa e exhaustiva guía foi posible grazas á colaboración entre AETG e a AMTEGA, no marco dun convenio asinado entre ambas entidades. Este pulo do Fogar Dixital dende a Xunta de Galicia sitúase dentro das actuacións derivadas da 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, iniciativa enmarcada na súa aposta pola tecnoloxía e a economía do coñecemento en Galicia, obxectivo no que converxen ambas entidades.

cpdi.jpg

miniatura-portada-libro.jpg