A Coruña formará parte do Comité de Normalización das Cidades Intelixentes

A cidade da Coruña formará parte do Comité Técnico de Normalización AEN/CTN 178 de Cidades Intelixentes, constituído pola Asociación Española de Normalización e Certificación (Aenor) e a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (SETSI), que asinaron onte un convenio para fomentar a normalización no campo das Cidades Intelixentes e contribuír, deste xeito, á súa implantación e despregamento en España.

O acordo, que foi subscrito polo director xeral de Aenor, Avelino Brito, e o secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Víctor Calvo-Sotelo, no acto de apertura da reunión de constitución do Comité celebrado na sede da SETSI, permitirá a normalización dun novo modelo de desenvolvemento urbano que permita xestionar de forma sostible e intelixente as cidades.

A función do Comité Español de Normas sobre Cidades Intelixentes

O comité establecerá os criterios e parámetros que terán que rexer as Smart City. Entre os seus obxectivos, está definir un mellor aproveitamento dos recursos do desenvolvemento tecnolóxico, sendo o responsable da emisión da postura nacional ante as cuestións que se formulen nos Comités Internacionais de Cidades Intelixentes e elaborando as normas técnicas e documentos nacionais (normas UNE) que dean resposta ás demandas existentes na industria nacional e nas Administracións Públicas.

A cidade herculina tamén foi elixida vogal do Comité Plenario, encargado do seguEmento e coordinación das cidades intelixentes e da relación con outros comités internacionais.

Aenor, como representante español ante ISO (Organización Internacional de Normalización), leva a voz dos sectores españois aos foros internacionais para que sexa tida en conta. Actualmente, os expertos españois desempeñan 138 responsabilidades no ámbito da normalización internacional.

Ámbitos de actuación

O Comité español de Cidades Intelixentes traballará en normas en ámbitos como as Infraestruturas Intelixentes; Indicadores e Semántica; Goberno e Mobilidade; Enerxía e Medio (ruído, polución, xestión da auga e dos recursos enerxéticos como electricidade ou gas, entre outros).

No campo internacional actualmente trabállase en tres proxectos de normas ISO relacionados cos Indicadores para os servizos e a calidade de vida dos cidadáns; Infraestruturas urbanas e Goberno do desenvolvemento sostible das cidades. Ademais, en Europa estase a valorar a posibilidade de iniciar traballos neste campo no seo do Comité Europeo de Normalización (CEN) para colaborar coa iniciativa internacional e desenvolver normas no ámbito europeo.