As Telecomunicacións e as TIC destacan como impulsoras da innovación

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) xunto coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo (EET) e a asociación de empresas TIC de Galicia Ineo, organizaron a Xornada “Telecomunicacións e TIC: impulsoras da Innovación” que se celebrou o martes 26 de maio no salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.

A xornada foi inaugurada ás 11.30 horas polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que estivo acompañado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro; e Jorge Cebreiros, que neste mesmo acto deu paso ao novo presidente de INEO, Carlos Conde.

O acto enmárcase dentro das actuacións que o COETG organiza cada ano con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e está aberto a todos os profesionais galegos do sector TIC. Consistiu nunha mesa de debate co obxectivo de reflexionar sobre como as TIC impulsan o desenvolvemento da innovación no resto de sectores. Moderada por Íñigo Cuíñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, contou coa participación do decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro; a directora xeral de INEO, Lucía Gregorio; o director xeral de Gradiant, David Vázquez; e o director de Electrónica e Sistemas Intelixentes do CTAG, Francisco Sánchez.

O debate comezou coa invitación do moderador dirixida aos asistentes para participar no mesmo e formulando a cuestión aos integrantes da mesa, sobre o modo en que as Tecnoloxías da Información e a Comunicación impulsan a innovación.

O decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro sinalou que “as TIC son o sector de actividade con maior impacto na produtividade e o crecemento e ademais impulsan a innovación. Os enxeñeiros de telecomunicación xogan un papel fundamental na innovación das empresas galegas, xa que son o motor das Telecomunicacións e as TIC.”

Pola súa banda, a directora xeral de Ineo, Lucía Gregorio sinalou que as TIC “cambiaron o propio concepto de como facemos negocio” e cada vez é máis difícil atopar sectores ou produtos que non utilicen as TIC, xa que todos están obrigados a “innovar e dar ao cliente o que quere”.

O director xeral de Gradiant, David Vázquez salientou o papel que desempeñan os centros tecnolóxicos no campo empresarial e destacou as tendencias máis innovadoras no sector TIC e a maneira en que inciden na innovación doutros sectores.

O director de Electrónica e Sistemas Intelixentes do CTAG, Francisco Sánchez, falou a incorporación das TIC ao CTAG e as liñas que desenvolve o centro tecnolóxico en torno a elas no sector da automoción.

A mesa finalizou cunha quenda de preguntas aberta ao público e un resumo das principais conclusións realizado polo moderador da mesa e director da EET, Íñigo Cuíñas, que resaltou o papel fundamental das Telecomunicacións e as TIC nos profundos cambios sociais que se produciron na última década e tamén na innovación actual e futura no mundo industrial. Destacou a necesidade de titulados profesionais do ámbito non só en empresas TIC, como ocorría ata hai pouco, senón en todos os sectores industriais.

foto xornada.jpg