Celebrada a xornada "Xemelgos Dixitais e o reto dos Buques Intelixentes" en colaboración coa Amtega

Esta mañá celebramos na Cidade da Cultura a conferencia "Xemelgos Dixitais e o reto dos Buques Intelixentes" impartida polos enxeñeiros e Directores de Navantia, Donato Martínez Pérez de Rojas, Juan Ignacio Silvera Vez e Carlos Blanco Seijo. Inauguraron o acto o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo e a directora da área da Sociedade da Información da Amtega, Rosa Méndez Calvo.

Presentouse unha visión xeral do plan de transformación que da lugar ao Xemelgo Dixital no entorno da construción naval, abordaron os retos e oportunidades desta tecnoloxía e a súa implicación no ecosistema naval e marítimo, finalizando cunha exposición dun caso de aplicación nos futuros buques da Armada Española.

Donato Martínez, destacou a complexa situación na que se atopa a industria naval debido aos longos ciclos de oferta e demanda e á necesidade de facer buques con cero emisións a finais do presente. Para Navantia, o Estaleiro 4.0, faro da transformación dixital, actúa como catalizador para seren máis eficientes, mellorar os sistemas de innovación e mellorar a colaboración coas partes interesadas.

IMG_3291web.JPG

Juan Ignacio Silvera resaltou a importancia do concepto de Xemelgo Dixital como máxima panca á transformación e como se conforma desde a intelixencia dos datos e os modelos para crear valor, tanto cara ao cliente en forma de novos produtos e servizos intelixentes, como internamente mellorando a eficiencia. Finalmente subliñou que é a experiencia enriquecida ao redor das persoas a que materializa e valida esta achega de valor.

Pechando as intervencións, Carlos Blanco presentou os obxectivos e bases do Xemelgo Dixital que incorporarán as futuras fragatas da Armada e como este contribuirá á mellora nas operacións e ciclo de vida destes buques.

IMG_3284web.JPG