Con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2009, o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia organizan os seguintes eventos:
Mércores 13 de maio
· Visita guiada ao Museo Didáctico das Telecomunicacións da Coruña
Xoves 14 de maio
· Conferencia-coloquio: Tendencias de futuro no desenvolvemento da banda ancha
Venres 15 de maio
· II Concerto das Telecomunicacións
Sábado 16 de maio
· Edición número especial A Nosa Rede-Publicación Manifesto
Visita Museo Didáctico das Telecomunicacións DMTSI 2009
Organiza: Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG). Data e hora: Mércores, 13 de maio 17:30 h. Lugar: Museo Didáctico das Telecomunicacións da Coruña (Travesía de La Cerca, nº19 entrada por Los Carmelitas, rúa Antonio Ríos)
Con motivo da celebración do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2009, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) achegou onte, a través de visitas guiadas dos seus colexiados, os tesouros gardados no Museo Didáctico das Telecomunicacións da Coruña, recuperados, todos eles, grazas ao labor dun grupo de traballadores de Telefónica, en activo e prexubilados, de empresas colaboradoras, fabricantes de equipos de telecomunicacións e da Fundación Telefónica, xestora do patrimonio histórico e tecnolóxico da compañía. Con esta iniciativa o COETG deu a coñecer aos habitantes da Coruña, en primeiro termo dada a proximidade xeográfica, e á sociedade en xeral, un museo que naceu coa pretensión de transmitir coñecementos. Ademais de pór en valor un centro que rescata do esquecemento todos aqueles elementos que contribúen a reconstruír a historia das telecomunicacións. Estes tesouros, non expostos ao público e gardados no edificio do Montiño, dan vida a un museo no que conflúen as tecnoloxías máis avanzadas de cada época. Un museo que non está pechado nin rematado, senón que permanece aberto a novas e continuas aportacións que complementarán as xa existentes e que permitirán a incorporación das tecnoloxías máis recentes. ![]() Un museo didáctico e interactivo A condición didáctica do museo permitiulle aos visitantes probar os equipos que alberga, restaurados e instalados para que o espectador poida ver cómo funcionan con todas as súas características de época e lugar. A misión principal deste museo é ensinar, tanto os principios básicos das telecomunicacións, como os máis avanzados, por isto as visitas compleméntanse con proxeccións “in situ” adaptadas ao nivel técnico dos visitantes e con percorridos guiados polos propios fundadores do museo. Mentres tanto, a súa condición interactiva fai posible que os equipos expostos, non só funcionen, senón que o fagan en idénticas condicións ás da época na que foron os protagonistas da tecnoloxía máis avanzada. Deste xeito, os visitantes estableceron comunicacións empregando os sistemas de Conmutación Manual de Batería Local, a través de cabos de cobre de “fío espido” ou ben mediante sistemas analóxicos de conmutación (rotativos ou de barras cruzadas) e experimentaron coa tecnoloxía dixital de última xeración. Paseo pola historia das Telecomunicacións O primeiro sector do museo está dedicado á Conmutación Manual, e dentro desta, trátanse de modo especial os sistemas de “Batería Local” e “Batería Central” á vez que se poden apreciar as liñas de “fío espido” que formaron parte da paisaxe galega ao longo das estradas. No que atinxe ás centraliñas, os visitantes puideron apreciar modelos empregados polas grandes empresas e hoteis da época, así como outras procedentes de locutorios de diferentes centros rurais, sen esquecer reparar nos aparatos de telegrafía e nos primitivos teléfonos que ocupan o espazo do centro. O museo conta ademais cun cadro interurbano que estivo en servizo ata o ano 1970 na Central de Telefónica da coruñesa rúa de San Andrés. Non obstante, una das xoias máis prezadas coas que conta é unha auténtica central de conmutación en funcionamento, rescatada do último sistema rotatorio existente en Galicia. Instalouse na Central Telefónica de Espido da cidade da Coruña, no ano 1963, permanecendo en activo ata que, en 1993, foi substituído por un moderno equipo de tecnoloxía dixital. Dentro da Conmutación Dixital, os fundadores do museo concedéronlle un especial protagonismo ás Unidades Remotas de Abonado atendendo á incidencia que estas tiveron na modernización do rural galego. O museo recolle ademais a evolución experimentada polos equipos de Transmisión e Radio, unha evolución que abrangue desde os primeiros sistemas de alta frecuencia analóxicos ata chegar aos dixitais de última tecnoloxía sobre fibra óptica. Os visitantes atoparon tamén un apartado dedicado ás redes de cabos no que fixeron un seguimento desde a central ata a terminación de rede no propio domicilio dun usuario á vez que gozaron dun percorrido histórico desde o fío de cobre ata a moderna fibra óptica. O Museo Didáctico das Telecomunicacións conta ademais entre os seus tesouros cunha serie de pezas dun gran valor histórico intimamente ligadas á evolución das telecomunicacións na cidade da Coruña. Pódense atopar así desde un maletín cheo de ferramentas de axuste de centrais, a un prototipo de equipo de Telefonía Rural por Acceso Celular (TRAC) instalado por primeira vez nunha aldea de Monfero (A Coruña); pasando polo Reloxo Patrón que durante anos marcou o compás das comunicacións telefónicas dos coruñeses, ou o equipo telefónico vía satélite empregado polo veleiro, que partindo do porto da Coruña, navegou ata Cuba para conmemorar o 500 aniversario do Bojeo da Gran Antilla. |
Conferencia-Coloquio - DMTSI 2009
Con motivo da celebración do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2009, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) ofreceu esta mañá en Vigo unha conferencia-coloquio sobre as “Tendencias de Futuro no Desenvolvemento da Banda Ancha”, impartida polo director de Planificación Estratéxica de Vodafone España, Enrique Gómez Alonso, na que tamén participaron o vicedecano do COETG, Miguel Merino Gil, e o presidente de INEO, Jorge Cebreiros Arce. ![]() O relator comentou cáles son, ao seu xuízo, as necesidades dos usuarios das telecomunicacións condicionados polos novos estilos de vida imperantes. Un cliente tipo que esixe ubicuidade, rapidez, dispoñibilidade e simplicidade para adaptarse aos novos ritmos laborais. Este perfil axudou a Gómez Alonso a explicar por qué a banda ancha é cada vez máis un asunto móbil. Segundo apuntou, en España a telefonía celular que ofrece alta velocidade na transmisión de datos está gañando adeptos a unha velocidade tres veces superior ao ritmo ao que se suman clientes á banda ancha fixa, xa sexa ADSL ou cabo. Así mesmo, o directivo de Vodafone afirmou que a previsión para os vindeiros sete anos é que se multiplique por 30 o número de clientes deste tipo de banda ancha, utilizando unha estratexia de despregue escalonado en función da demanda existente. ![]() Os asistentes ao acto tamén puideron reflexionar sobre as ondas de crecemento de Internet, que segundo palabras do conferenciante son causadas polas novas ideas de negocio e non polos avances tecnolóxicos. Un plantexamento reforzado coa afirmación “as que conducen e arrastran o mundo non son as máquinas, senón as ideas”, nun guiño ao escritor Víctor Hugo. Esta reflexión desencadeou a seguinte afirmación “desde a súa orixe, xurdiron cada 2-3 anos, incrementos novos e inesperados que expandiron a necesidade de banda ancha”, indicada nun momento da súa exposición. Estes avances fan posible achegar cada vez máis á realidade o Fogar Dixital, unha vivenda que a través de equipos e sistemas, e a integración tecnolóxica entre eles, grazas, sobre todo, á domótica, lles ofrece aos seus habitantes funcións e servizos que facilitan a xestión e o mantemento do fogar; aumentan a seguridade, incrementan o confort, melloran as telecomunicacións; aforran enerxía, custos e tempo e ofrecen novas formas de entretemento e ocio. O director de Planificación Estratéxica de Vodafone España concluíu a súa intervención afirmando que é preciso definir un equilibrio xusto entre os diferentes participantes necesarios para o desenvolvemento da banda ancha. Unha esixencia froito da interdependencia dos distintos hábitats, que obriga a extremar as regras de xogo empregadas. ![]() |
II Concerto das Telecomunicacións DMTSI 2009
Sábado 16 de maio de 2009 - A Nosa Rede
Sábado, 16 de maio: Edición Suplemento Especial A Nosa Rede-Publicación Manifesto
Organiza: Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG). Lugar: La Voz de Galicia (edición xeral) O sábado, 16 de maio, publicouse o suplemento especial A Nosa Rede na edición xeral de La Voz de Galicia, no que se incorporou o manifesto que cada ano redacta o Colexio para dirixirse a toda a sociedade galega con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. |