Fallados os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2016 do COETG/AETG

César Mariñas Dávila, distinguido co título de Enxeñeiro do Ano 2016

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2016. Instituídos polas Xuntas de Goberno e Directiva do COETG e AETG, os Premios serán entregados no transcurso da XXI Gala das Telecomunicacións, que se celebrará o vindeiro 30 de setembro, no Gran Hotel da Toxa.

O premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC foi para Monet Viticultura, pola introdución das TIC en sectores onde aportan valor a procesos tradicionais, e pola súa aplicación a mercados amplos. O xurado tivo tamén en conta a orientación de esta empresa á exportación e a súa actividade en I+D+i e a creación de emprego tecnolóxico.

O premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC recaeu en Beatriz Remeseiro López, por Avances na diagnose do síndrome de ollo seco: desenvolvemento de métodos automáticos para a avaliación de patróns na capa lípida da película lagrimal. O xurado salienta que a tese aporta solucións para un problema de saúde pública, o síndrome do ollo seco, que afecta a unha grande parte da poboación maior de 65 anos. Este traballo ten xa demostrado a súa aplicación, tanto no eido académico como na industria do sector da saúde, e ten un claro potencial de transferencia da tecnoloxía desenvolvida.

O premio INEO ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2016 foille concedido a Egatel S.L. polo proxecto SmartLNB. Neste caso, premiase o carácter innovador do uso eficiente das capacidades de transmisión de datos vía satélite. Tamén se valorou o amplo espectro das súas posibles aplicacións e a súa contribución á transformación dixital de diversos ámbitos como a saúde, o fogar dixital e o sector industrial.

O premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa Amtega, recaeu en EOSA, pola creación de INclue, sistema tecnolóxico innovador para a valoración técnica da exclusión social en base a criterios homoxéneos. O xurado tivo en conta que a ferramenta presentada permite unha estimación precisa do grao de exclusión social dunha persoa.

O premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, concedéuselle ao Real Club Celta de Vigo, por liderar o desenvolvemento de sistemas tecnolóxicos que complementan ós partidos de fútbol e que favorecen a implicación dos afeccionados.

O premio ao Mellor expediente académico do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo foi para Daniel Rodríguez Domínguez.

Por último, o premio Enxeñeiro do Ano, outorgado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, recaeu en César Mariñas Dávila, pola súa traxectoria en postos de responsabilidade en diferentes empresas do sector TIC e no exercicio libre da profesión. Tamén se recoñece a súa profesionalidade e independencia, e a súa contribución ao desenvolvemento das telecomunicacións en Galicia.