Importante participación na Xornada Networking organizada polo COETG e INEO con motivo do DMTSI 2012

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG/AETG) celebraron onte, luns 14 de maio, en colaboración coa Asociación Multisectorial das Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación de Galicia (INEO), unha Xornada de Networking baixo o título "Economía do Mar".

A Xornada, que tivo lugar en Vigo, na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, contou cun importante número de asistentes pertencentes a empresas TIC e do Sector Marítimo, e contou coa participación de representantes de ACLUNAGA, ANFACO-CECOPESCA, BIOGA, Clúster de Tecnoloxía do Campus do Mar e Porto de Vigo.

Durante a sesión, as organizacións marítimas puxeron en común coas compañías TIC as necesidades tecnolóxicas do seu sector, co fin de detectar oportunidades de colaboración. As empresas TIC deron a coñecer os productos/servizos existentes que poden axudar a incrementar a competitividade do sector de Economía do Mar e súa productividade, nun intento de acercar oferta e demanda. Tratábase, en definitiva de promover que as inversións en tecnoloxía por parte das empresas deste sector deixen de realizarse principalmente no extranxeiro, como ocurre hoxe, e pasen a invertir nas TIC galegas.

dsc01045.jpg