O vindeiro venres 27 de outubro ás 16.00h terá lugar a xornada "Introdución a WiFi-HaLow" no Gaiás Tech da Cidade da Cultura de Galicia. Trátase dunha conferencia en formato presencial con posibilidade de seguemento en liña, impartida por Cristina López Bravo, profesora titular na Universidade de Vigo e investigadora TIC.
Inscricións
Durante o relatorio farase unha introdución ao protocolo de rede IEEE 802.11ah coñecido como Wi-Fi HaLow, caracterizado principalmente por operar na banda de 900 MHz, proporcionando redes Wi-Fi de rango estendido e consumo de enerxía reducido. Características que a converten nunha tecnoloxía idónea para o IoT. Afondarase nos diferentes casos de uso e farase unha comparativa con outras tecnoloxías sen fios de baixo consumo. Tamén asistiremos a unha demostración práctica.
Está dirixida a profesionais do ámbito das telecomunicacións, emprendedores e estudantes.
Cristina López Bravo é profesora Titular no departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo, investigadora en atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías das Telecomunicacións) e membro do grupo de investigación en Tecnoloxías da Información (GTI) da Universidade de Vigo.
Esta actuación forma parte dunha serie de xornadas de acceso gratuíto sobre diferentes tecnoloxías, impulsados polo #Nodo5G, unha iniciativa para promover e dinamizar o sector mediante actividades de formación e networking para agrupar axentes que poidan requirir ou executar proxectos relacionados co #5G.