O COETG en SICO 2006

Participou ofrecendo un ciclo de conferencias e cun stand expositivo no recinto feiral

Os pasados 21 ao 25 de xuño abriu as súas portas en Vigo a Feira da Construcción de Galicia (SICO 2006). Esta edición de SICO tivo lugar no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI, Cotogrande, Vigo) e contou coa colaboración de diferentes empresas e entidades relacionadas co sector da construcción. Na presente edición, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), consciente da importante plataforma de lanzamento que constitúe o Salón, quiso sumarse a este evento cun stand expositivo, no que tivo a disposición do visitante material informativo sobre a súa actividade colexial. Ademais impartiu unha serie de conferencias e charlas de temática vinculada ás TIC, que tiveron lugar nas salas nº3 (Rosalía de Castro) ou nº4 (Daniel Castelao) do IFEVI.

Data noticia: 27-06-2006

O programa quedou do seguinte xeito:

- Xoves, 22 de xuño. Sala nº4 Daniel Castelao
Hora: 12:00 horas
Título conferencia: “Acústica arquitectónica”
Poñente: D. Manuel Sobreira Seoane. Doctor Enxeñeiro de Telecomunicación. Representante de Sonitum pola Universidad de Vigo.
- Xoves, 22 de xuño. Sala nº3 Rosalía de Castro
Hora: 16:00 horas
Título conferencia: “Domótica, un valor engadido na construcción”
Poñente: D. José María Núñez Ortuño. Enxeñeiro de Telecomunicacíón pola Universidade de Vigo e Xerente de Indomótika Sistemas y Comunicaciones, S.L.
- Venres, 23 de xuño. Sala nº4 Daniel Castelao
Hora: 12:00 horas
Título conferencia: “Da palloza ao fogar dixital”
Poñente: D. Jesús Amieiro Becerra. Representante do GELP do COETG. Director Técnico de Agatel Ingenieros.

SICO afronta a súa sétima edición con aires renovadores e co obxectivo de medrar expoñencialmente e crear un verdadeiro punto de encontro para os profesionais da construcción e áreas relacionadas. SICO está considerado como o evento do noroeste español máis importante en materia de construcción, que constitúe un instrumento imprescindible de concentración de oferta e de coñecemento dos distintos produtos e técnicas a considerar.

RESUMO CONFERENCIAS OFRECIDAS POLO COETG EN SICO 2006

Título: “Acústica arquitectónica”
Poñente: D. Manuel Sobreira Seoane

A ponencia tratará sobre os aspectos máis novidosos que en materia de acústica arquitectónica incorporará o novo regulamento, CTE DB-HR (Código Técnico da Edificación, Documento Básico sobre a protección contra o ruído) e o futuro regulamento da lei de ruído, actualmente en trámite. A conferencia divídese en dúas grandes áreas: Illamento acústico e Acondicionamento acústico. En ambos campos, o CTE DB-HR incorporará importantes novidades fronte á lexislación vixente (NBE-CA-88):

1. No illamento, os valores de illamento acústico deberán calcularse para valores “in situ” segundo o procedemento especificado na Norma UNE-EN-ISO 12354, ou valores procedentes do catálogo de solucións que aportará o documento.
2. En canto ao acondicionamento acústico, o CTE por primeira vez, inclúe tempos de reverberacións máximos permitidos en espacios públicos (aulas, restaurantes, etc) e absorción mínima para zonas comúns e de instalacións na edificación.
O cambio de lexislación e a súa aplicación práctica suporá en España a aparición da figura do consultor acústico. A persoa especialista en acústica capaz de supervisar e garantir que un recinto ou edificación cumpren os requisitos necesarios, verificará as condicións acústicas especificadas na lexislación.


Título: “Domótica, un valor engadido na construcción”
Poñente: D. José María Núñez Ortuño

A Domótica supón a implantación e integración de sistemas automáticos na vivenda, aportando múltiples ventaxas aos seus ususarios finais en diferentes ámbitos, como son o confort, seguridade, aforro enerxético e comunicación. A crecente demanda deste tipo de sistemas presenta novas oportunidades de negocio.

Nesta charla, exporanse os piares nos que se basea a domótica, aportando unha visión xenérica das tecnoloxías existentes, as repercusións da súa aplicación no cliclo constructivo dunha vivenda e a normativa legal a ter en conta. Esbozaranse ademais, as claves do modelo de negocio para os promotores/constructores que desexen introducir estes sistemas nas súas promocións e cómo a súa inclusión pode servir para diferenciarse da competencia, axilizar a comercialización e obter un maior beneficio económico. Por último, exporase a situación actual do mercado, da demanda e as expectativas de crecemento deste novo mercado.

Como prescriptor desta tecnoloxía é fundamental a figura do enxeñeiro de telecomunicación como integrador das distintas tecnoloxías existentes e como interlocutor entre fabricantes, promotores, arquitectos e usuarios finais.


Título: “Da palloza ao fogar dixital”
Poñente: D. Jesús Amieiro Becerra

A conferencia estructúrase en oito bloques temáticos relacionados:
- Evolución das comunicacións humanas ata a aparición das telecomunicacións.
- Radio e Televisión.
- Telefonía.
- Internet.
- Evolución conxunta dos servizos antes citados, unha vez introducidos no fogar.
- As telecomunicacións nos edificios.
- A evolución das telecomunicacións e o camiño cara o Fogar Dixital.
- O futuro: previsión de cómo evolucionarán as telecomunicacións (redes Wifi, Wimax, Internet, TV, operadores móbiles virtuais…) nun mercado dominado tanto polo elevado custe nas infraestructuras dos operadores como por un alto risco de fracaso de novos servizos, como por exemplo, o caso do 3G, Quiero TV, etc.