O COETG imparte unha conferencia no XIII Foro Tecnolóxico de Emprego da Universidade de Vigo

Baixo o título “A práctica do exercicio profesional do Enxeñeiro de Telecomunicación”, representantes do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia impartirán mañá mércores día 13 de marzo unha conferencia dirixida aos estudantes de últimos cursos e recén titulados, na que darán a coñecer a entidade, os seus obxectivos e as actuacións que leva a cabo na actualidade. Os asistentes poderán coñecer de primeira man o labor do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia na súa vertente encamiñada a atender as necesidades dos profesionais das telecomunicacións en todas as facetas posibles, dende o asesoramento técnico ata diferentes servizos relacionados coa práctica profesional.

O relatorio está englobado dentro dun ciclo de conferencias nas que as diferentes entidades participantes orientan aos futuros profesionais dende diferentes perspectivas. O Foro Tecnolóxico de Emprego, que este ano chega á súa décimo terceira edición, conta ademais coa participación do COETG e a AETG xunto con outras entidades, a traveso da exposición de diferentes stands nos que os asistentes teñen ao seu dispor, calquera información requirida sobre os servizos que ofrecen as entidades participantes.

Máis información: XIII Foro Tecnolóxico de Emprego