O COETG reuniuse co Concello de A Coruña co motivo da súa selección como Cidade Intelixente

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia reuniuse co alcalde de A Coruña, Carlos Negreira, e co responsable de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, para ofrecerse a participar no proxecto “Smart Cities”. Grazas a este proxecto, as novas tecnoloxías aplicaranse aos servizos públicos e permitirán alcanzar notables cotas de sostibilidade, eficiencia e benestar social. Estruturarase en torno a seis grandes eixes: Medio, Enerxía, Mobilidade Urbana, Sanidade e Seguridade, Turismo e Ocio e Administración Electrónica, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos cidadáns e o ámbito económico a través das TIC e a innovación.

fotofamiliasmartcities.jpg

Os Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia puxeron a disposición do Goberno local aos preto de 1.000 profesionais colexiados para desenvolver labores de coordinación, vixilancia, asesoramento ou para integrarse na plataforma de xestión do programa, xa que contan cunha ampla experiencia no campo da formación e no traballo conxunto coas administracións públicas. O rexedor herculino agradeceu o ofrecemento do Colexio e as súas ideas nesta primeira toma de contacto a partir da que se definirán as mellores vías de colaboración entre ambas as dúas entidades.

salajuntassentados.jpg

A Coruña entrou a formar parte desta rede de “Smart Cities”, equiparándose a cidades como Ámsterdam, Barcelona, Santander ou Málaga, grazas a un acordo co Ministerio de Ciencia e Innovación, por un importe global de 11.568.365 millóns de euros e cofinanciado ao 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do “Programa Operativo de I+D+I por e para o beneficio dos emprendedores - Fondo Tecnolóxico” para a súa execución no período 2012-2013.

A primeira reunión do comité técnico de expertos da Rede Española de Cidades Intelixentes terá lugar a finais de febreiro en A Coruña, nun encontro do que sairán as primeiras propostas da entidade, presidida polo alcalde de Santander, Íñigo de la Serna, que destacou que “a unión das cidades españolas en torno ao proxecto común de impulsar a innovación favorecerá que todos avancemos cara a un cambio de modelo produtivo que pode ofrecer novas e interesantes vías de negocio para as nosas empresas, así como novos nichos de emprego e oportunidades para os emprendedores”.