O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia asinou un convenio coa AMTEGA para a implantación do Fogar Dixital en Galicia

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) colaborarán no impulso do Fogar Dixital e o Edificio Dixital en Galicia. Así se recolle nun convenio asinado esta mañá entre o decano do Colexio, Ramón Bermúdez de Castro Olavide e a directora da Amtega, Mar Pereira.

Segundo establece o acordo, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia elaborará unha guía na que se establecerán as bases e pautas de actuación de cara á implantación do Fogar Dixital e o Edificio Dixital e que servirá de referencia para todos os axentes involucrados no mesmo (promotores, arquitectos, construtores, instaladores, enxeñeiros de telecomunicación, técnicos municipais, etc).

Este documento-marco, que será elaborado por un grupo de traballo altamente especializado que estará integrado por enxeñeiros de telecomunicación de diferentes perfís profesionais, difundirase a través de xornadas organizadas polo COETG que irán dirixidas a todos os implicados no proceso de desenvolvemento do sector. Ademais, para garantir a súa máxima difusión, enviarase telematicamente aos 315 concellos de Galicia e ás entidades representativas do resto dos axentes involucrados no fogar dixital.

A labor informativa completarase cunha xornada especial dedicada ás especificacións técnicas do Fogar Dixital e o Edificio Dixital que irá dirixida aos responsables da súa implementación (enxeñeiros de telecomunicación, instaladores, arquitectos,…).

A colaboración incluirá tamén o desenvolvemento de diversas actuacións formativas complementarias así como outras actividades de difusión da Sociedade da Información.

clip_image002.jpg