O presidente da Xunta de Galicia presidirá a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015 que terá lugar o 25 de setembro na Toxa

A gala será presentada por Silvia Jato e contará coa actuación do grupo musical DGT

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, presidirá o 25 de setembro, no Gran Hotel da Toxa, a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015. Será no transcurso da XX Noite das Telecomunicacións de Galicia, presentada por Silvia Jato e que se celebrará baixo o lema Un mundo conectado.

Programa Noite Galega das Telecomunicacións 2015

A velada comezará as 20.00 horas cunha sesión de networking, que se prolongará ata o inicio da gala, en cuio transcurso actuará o grupo musical DGT. Antes de comezar a cea ás 22.45 horas, entregaranse os sete premios do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015:

Premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC 2015 a CO2 Smart Tech, S.A., pola súa contribución á creación de emprego, a súa expansión internacional e a consolidación do seu volume de negocio en amplos mercados.

Premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2015 a Alberto Rico Alvariño polo seu traballo Técnicas cognitivas e de procesado do signal para unha mellor explotación do espectro en comunicacións sen fíos.

Premio INEO ao produto ou servizo TEIC orientado ao internet das cousas a Consultores Tecnológicos Industriales de Galicia, S.L. polo proxecto Open Framework i3. V4.0, un sistema aberto para a extensión da automatización de procesos a partes do sistema produtivo industrial no que aínda non estaban implantados.

Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2015 outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, en colaboración coa Amtega, as Aulas interactivas para a estimulación cognitiva de alumnos coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual de Down Galicia. O galardón recoñece o carácter innovador da idea, a súa viabilidade e aplicabilidade pragmática e a súa contribución ao acceso destas persoas ás TIC e a inclusión dixital

Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións a Retegal, polo seu esforzo e dedicación en pechar a fenda dixital na nosa comunidade.

Premio Socio de Honra 2015 a Asociación Puntogal pola súa aportación á visibilidade, na Rede, da lingua, a cultura e a identidade de Galicia.

E o premio Enxeñeiro do Ano 2015 a José María Pousada pola súa contribución á difusión das Tecnoloxías da Información e a Comunicación en Galicia.

Cartel XXNGTSI_2015_logos.preview.jpg

Cartel XX NGTSI 2015 logos