O próximo 11 de febreiro producirase o cese definitivo da emisión nas frecuencias antigas da TDT en 58 concellos de Lugo

Dentro do proceso de liberación do segundo Dividendo Dixital que se está a levar a cabo, será durante a noite do 10 ao 11 de febreiro cando se producirá o cese definitivo da emisión nas frecuencias antigas (nas canles 58 e 59) quedando só as novas canles (28 (Mediaset) e 31(autonómico)) en 58 concellos de Lugo (concellos que reciben da área xeográfica de Lugo), polo que se non se realiza a adaptación necesaria antes desta data, os cidadáns poderían deixar de ver algunhas canles, e, independentemente do tipo de vivenda, deben resintonizar os seus televisores.

A partir do 17 de febreiro comezará o mesmo proceso nos concellos de Lugo que reciben da área xeográfica de Ourense (Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober). Por outra parte, en Muras, incluída na área xeográfica de A Coruña Norte, non haberá cambios en ningunha canle estatal nin autonómica.

Segundo os datos da Secretaría de Estado para o Avance Dixital (SEAD), so o 15,7% dos aproximadamente 8.300 edificios que precisan adaptar as instalacións de antena colectiva para poder recibir as canles nas novas frecuencias de TDT realizaron dita actuación.

Para realizar os cambios as comunidades de propietarios deberán poñerse en contacto con un instalador de telecomunicacións rexistrado no Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións da SEAD. Mediante Real Decreto aprobouse a concesión directa de subvencións as comunidades de veciños afectadas. As solicitudes de axudas poderán presentarse online ata o 30 de setembro de 2020.

tdt2.jpg