O venres 23 de setembro entregamos os "Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información"

Un ano máis faremos entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información nun acto que terá lugar o venres 23 de setembro no Hotel Attica 21 (Business & Wellness) de Vigo, e que distinguirán o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e entidades.

Son cinco as categorías de premios que distinguen diferentes aspectos ligados ao eido das telecomunicacións. Así, outórganse:

  • Premio Enxeñeiro do Ano a Ricardo Fernández Fernández. En recoñecemento á súa traxectoria e o feito de ter sido unha persoa clave na fundación da organización colexial do colectivo dos enxeñeiros de telecomunicación, á que permaneceu intimamente ligado coma director xerente desde o seu comezo, e coma secretario xeral en diferentes lexislaturas.
  • Premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais ao Proxecto Smilink, desenvolvido por Damián Vázquez Lavandeira. Valorouse a súa evidente utilidade para a integración social e a axuda á non desconexión da sociedade, das persoas maiores con problemas de mobilidade ou illamento. Tamén se tivo en conta a coherencia do proxecto coa estrutura poboacional de Galicia, con moitas persoas maiores que viven en soidade, especialmente no eido rural. Ademais, o seu desenvolvemento técnico, integrando tecnoloxías punteiras para unha fin social práctica de xeito inmediato, con posibilidades de continuidade e evolución temporal, foi outro dos motivos.
  • Premio Axians á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicacións a Dinahosting. Polos máis de 20 anos que leva ofrecendo solucións competitivas para a presenza en Internet, con infraestruturas e tecnoloxías punteiras desde Galicia e con capital independente. Ao tempo, tívose en conta a súa aposta polo capital humano galego creando emprego estable e de calidade na comunidade autónoma.
  • Premio Vantage Towers ao Mellor Proxecto TIC para a sostibilidade e o coidado da Terra ao Proxecto Aldeas Intelixentes de AGADER, dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. Valoráronse como razóns determinantes desta distinción o modelo de aldeas intelixentes impulsado desde esta Axencia, que trata de garantir a dixitalización e a redución da fenda dixital en contornas rurais da man de solucións sustentables que teñan o menor impacto.
  • Premio Mellor Expediente académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo 2021/2022 a Javier Rey Domínguez

A entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información forma parte do plan de accións de difusión de 2022, en virtude do convenio de colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para a posta en marcha de actividades para o fomento da Sociedade da Información.

foto premiados.jpg