Pontevedra desvela os hábitos tecnolóxicos dos seus menores

O Concello de Pontevedra presentou os días pasados os resultados un estudo sobre os hábitos tecnolóxicos dos menores de idade: cousas como que redes sociais empregan, canto tempo están en liña, até que punto cren que marca os seus rumbos de vida o feito de estaren conectadas/os, etc. A enquisa foi elaborada ao abeiro do Plan municipal de prevención de condutas aditivas (PMPCA) da Concellería de Benestar Social, aproveitando o traballo que desempeña este departamento cos centros educativos locais. A base da pescuda foi un nutrido grupo de preto de tres milleiros de estudantes (alumando de 1º a 4º da ESO, de entre 12 e 17 anos). Entre as principais conclusións que se fornecen figura a seguinte: o 75,7% dos rapaces tiveron o seu primeiro móbil entre os 10 e os 13 anos, e o 85% conta con conexión a Internet. Ademais, a gran maioría deles empregan servizos como Whatsapp ou Instagram, malia que o uso das redes sociais polos menores de 14 anos non estea permitido en España. O estudo terá continuidade en setembro con novos datos sobre hábitos por sexo, idade e nivel de formación.

Fonte: codigocero.com

Ver nova