Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012

OS PREMIOS GALICIA DAS TELECOMUNICACIÓNS 2012, PROTAGONISTAS DA XVII EDICIÓN DA NOITE GALEGA DAS TELECOMUNICACIÓNS E DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN

• O evento, organizado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), celebrouse o pasado 26 de outubro no Gran Hotel da Toxa (O Grove, Pontevedra) baixo o lema “Smart Cities, a tecnoloxía ao servizo dos cidadáns”.

• A gala estivo presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen entregou o premio Enxeñeiro do Ano 2012 a José Luis Barreiro Conde.

• Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais foi para a aplicación móbil Pictodroid Lite da compañía viguesa Accegal; o Premio Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC 2012 recaeu na empresa Vmodal Interactive pola súa solución tecnolóxica “Intellixente. La Voz de tu cliente” e o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC concédeselle a Guillermo López Taboada pola súa tese Design of Efficient JAVA Communications for High Performance Computing.

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) entregaron os seus tradicionais Premios Galicia das Telecomunicacións durante a celebración da XVII edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que tivo lugar o pasado venres 26 de outubro no Gran Hotel da Toxa. O evento que estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, xirou en torno as cidades intelixentes, baixo o eslogan Smart Cities, tecnoloxía ao servizo dos cidadáns.

José Luis Barreiro Conde foi o Enxeñeiro do Ano desta edición da Noite. Unha distinción instituída polo COETG para recoñecer o destacado labor profesional de enxeñeiros de telecomunicación como Barreiro Conde, quen desde o punto de vista colexial participou activamente na fundación da AETG e desde o punto de vista profesional foi o responsable de impulsar o moderno modelo produtivo do Grupo Televes e da implantación da loxística do Grupo.

O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgando pola AETG e impulsado pola AMTEGA recaeu na aplicación móbil Pictodroid Lite de Accegal. Un proxecto de colaboración entre o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (centro público dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia) e o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo para a elaboración de solucións de accesibilidade para as persoas con discapacidades baseadas en dispositivos móbiles.

No tocante ao Premio INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador do 2012, o galardón recaeu no Proxecto LIFE+ Viñas Atlánticas da Deputación de Pontevedra, quen lidera o proxecto en colaboración coas adegas: Martín Códax, Condes de Albarei, Paco&Lola e Amancio Varela García.

O COETG e a AETG tamén fixeron entrega, un ano máis, do Premio Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC á empresa Vmodal Interactive S.L. polo proxecto “Intellixente. La voz de tu cliente”. E do Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC 2012 a Guillermo López Taboada pola súa tese Design of Efficient JAVA Communications for High Performance Computing, distinción que recoñece aqueles proxectos de investigación emerxentes no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación.

Tecnoloxía galega de primeiro nivel con alto compromiso social

O COETG e a AETG valoraron como razóns determinantes do outorgamento do Enxeñeiro do Ano a José Luis Barreiro Conde a súa dedicación total e versatilidade como Enxeñeiro de Telecomunicación, a súa contribución a modernización do Grupo Televés, ao que lle dedicou máis de trinta anos, e a súa capacidade para estender a súa actividade a outros campos con notable éxito.

Ademais desta distinción, o COETG e a AETG concedeu os seguintes galardóns:

O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, que recoñece aqueles proxectos ou traxectorias das telecomunicacións que reportan beneficios á sociedade, foi para a empresa viguesa Accegal por Pictodroid Lite. Un sistema alternativo e aumentativo de comunicación destinado a persoas con discapacidade (con problemas severos de comunicación, afectadas por parálise cerebral, nenos autistas, etc). Unha aplicación para dispositivos Android que permite aos usuarios comunicarse a través do uso de pictogramas (signos que representan esquemáticamente un símbolo, obxecto real ou figura). Esta versión en modo acumulativo permite crear oracións simples. As oracións créanse seleccionado os pictogramas que pertencen a diferentes categorías (suxeito, verbos, predicados, outros, ...). Unha ver realizada a oración, o sistema procederá á lectura da frase formada.
O Premio INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador do 2012, que recoñece as aplicacións das novas tecnoloxías aos sistemas de operatividade empresarial e industrial, correspondeulle este ano a LIFE+ Viñas Atlánticas. Un proxecto que ten como obxectivo o desenvolvemento dun Sistema de Xestión Ambiental sostible e produtivo para as bodegas. É un proxecto ambiental que nace co obxectivo de demostrar a necesidade e a viabilidade da produción de viño "sostible" nos viñedos da D.O. Rías Baixas, minimizando o uso de produtos químicos nunha zona de clima atlántico. Unha aplicación que permitirá ao viticultor a loita contra pragas da vide, cargar nela os datos dos seus libros de explotación e facer unha xestión máis eficiente das súas explotacións.

O Premio Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no Sector TIC, patrocinado pola Fundación do mesmo nome e dotado con 6.000 euros, correspondeulle nesta edición á empresa Vmodal Interactive S.L. polo proxecto “Intellixente. La voz de tu cliente”. Unha solución tecnolóxica para establecer procesos escalables de relación cos clientes nas Redes Sociais. É unha solución segura e fiable que en 5 pasos permite entender o cliente e utilizar a súa voz como material de aprendizaxe organizativa para a mellora de procesos.

Finalmente valoráronse como razóns determinantes para a concesión do Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC, que lle correspondeu a Guillermo López Taboada pola súa tese Design of Efficient JAVA Communications for High Performance Computing, a innovación e potencial do proxecto así como o esforzo realizado na comercialización e obtención das licenzas correspondentes.