Televisión Dixital Terrestre - Segundo Dividendo Dixital

tdt2.jpg


Luns, 14 de outubro de 2019. Proxecto de comunicación e información da AETG sobre o Segundo Dividendo Dixital.

A liberación do segundo dividendo dixital supón un cambio moi significativo na área do desenvolvemento das telecomunicacións para a sociedade. A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia colabora coa Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia nas tarefas de comunicación e difusión da información relativa a esta transformación tan relevante para os usuarios. Para tal fin, establécese un Plan de Comunicación e Divulgación que recolle os reais decretos publicados sobre a liberación do segundo dividendo dixital e a súas implicacións, e está dirixido aos concellos galegos, ás deputacións provinciais, ás asociacións e colexios profesionais de administradores de fincas, ás asociacións e instaladores de telecomunicacións e entidades similares, ademais por suposto de dirixilo á totalidade da sociedade.

A AETG ofrece información e asesoramento sobre o segundo dividendo dixital no teléfono 981919300.
Tamén se poden realizar consultas a través do enderezo electrónico segundodividendodixital@aetg.gal


Xornadas formativas e soporte centralizado

Durante os meses de novembro e decembro de 2019, a AETG leva a cabo xornadas formativas dirixidas a todos os axentes implicados e dá soporte centralizado mediante contacto telefónico no número 981919300 e correo electrónico segundodividendodixital@aetg.gal, aos concellos de Galicia nos que se sitúan os centros de extensión de cobertura da televisión dixital, co obxectivo de ofrecerlles un asesoramento individualizado en relación coa liberación do segundo dividendo dixital.

Información sobre xornadas formativas e publicacións relacionadas


Que é o Segundo Dividendo Dixital?

A liberación do Segundo Dividendo Dixital é un proceso consistente na reorganización e abandono dalgunhas canles nas que se está a emitir a Televisión Dixital Terrestre na actualidade para deixar libre a banda de 700 MHz (frecuencias entre 694 Mhz e 790 MHz), necesaria para os novos servizos de banda larga (5G). Este proceso debe estar rematado a máis tardar o 30 de xuño de 2020 (Decisión (UE) 2017/899 do Parlamento Europeo e do Consello).

DividendoDixitalcanles.PNG


Como vai afectar a Galicia?

En xuño de 2019 publicouse o Real Decreto 391/2019 polo que se aproba o novo Plan Técnico nacional da TDT (PTNTDT) e se regulan determinados aspectos para a liberación do Segundo Dividendo Dixital (2DD). Este Real Decreto define as Áreas xeográficas nas que se divide o país, en canto ao uso das canles radioeléctricas asignadas aos prestadores do servizo de comunicación audiovisual televisiva, e identifica os concellos pertencentes a cada área xeográfica. Ademais, recolle as canles radioeléctricas asignadas aos 8 múltiplex dixitais de cobertura estatal e autonómica, en cada unha das Áreas xeográficas que en Galicia son cinco: Coruña Norte, Coruña Sur, Lugo, Ourense e Pontevedra.

AreasXeograficasMapa.png


Como se adaptan os usuarios a esta nova situación?

A liberación da banda de 700 MHz implica que as canles que actualmente ocupan a devandita banda desprazaranse a outra parte do espectro radioeléctrico. Isto requirirá a adaptación das infraestruturas de recepción colectiva nalgúns edificios. Esta adaptación dependerá do número de múltiples que empregan a banda de 700 MHz en cada unha das áreas xeográficas.
As adaptacións necesarias que terán que facer os cidadáns para non perder a oferta televisiva:

  • Actuación dun instalador rexistrado de telecomunicacións nos edificios de vivenda con centraliña programable e amplificador monocanle. (Non será necesario realizar adaptación nas vivendas que teñan instalado amplificadores de banda larga, como por exemplo vivendas unifamiliares ou edificios comunitarios de menor tamaño).
  • Resintonización dos televisores en todas as vivendas unha vez que finalicen os simulcast.

CalendarioAreasXeograficas.PNG


As actuacións para esta adaptación están subvencionadas?

O custo das actuacións necesarias para a adaptación estará subvencionado. O 21 de xuño de 2019 aprobouse o Real Decreto polo que se conceden subvencións para as actuacións nos sistemas de recepción do sinal de TDT nas edificacións afectadas polo segundo Dividendo Dixital. A contía da subvención oscila entre 104,3€ e 677,95€, en función dos cambios precisos para a adaptación. A solicitude de axudas realizarase online a través da sede electrónica do Ministerio de Economía e Empresa, ata o 30 de setembro de 2020 trala realización da adaptación das instalacións de recepción do sinal da TDT.

O custo das actuacións necesarias para a adaptación estará subvencionado. O pasado 21 de xuño aprobouse o Real Decreto polo que se conceden subvencións para das actuacións nos sistemas de recepción do sinal de TDT nas edificacións afectadas polo segundo Dividendo Dixital. A contía da subvención oscila entre 104,3€ e 677,95€, en función dos cambios precisos para a adaptación. A solicitude de axudas realizarase online ata o 30 de setembro de 2020 trala realización da adaptación das instalacións de recepción do sinal da TDT.


Lexislación e documentos relacionados

Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre
Real Decreto que regula a concesión de subvencións

presidencia_sxm-cor.jpg Asociacion de Enxeñeiros de telecomunicacion de Galicia.jpg