Visita ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta de Galicia (CPDi)

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia organizaron o pasado día 5 de xullo unha nova visita á Cidade da Cultura na que participaron unhas cincuenta persoas, esta vez para visitar o Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta de Galicia (CPDi), dotado dunhas infraestruturas tecnolóxicas á vangarda do sector.

Grazas a Carlos Pedreira, membro do COETG e responsable da Área TIC da Cidade Cultura, os enxeñeiros de telecomunicación e as súas familias e amizades puideron acceder a este CPD de altas prestacións cun guía de excepción.

cidade cultura.jpg

Este CPDi, que agrupa todas as dependencias TIC do recinto evitando o seu espallamento polos seis edificios que compoñen o conxunto arquitectónico e contempla a demanda que a propia actividade do complexo supón en materia TIC: almacenamento de coleccións dixitalizadas, bibliotecas e arquivos dixitais, aplicacións multimedia, infoguías e outras, foi deseñado para moito máis:

A dimensión do CPDi ven dada polos 223 armarios destinados a albergar servidores, almacenamento e equipos de comunicacións distribuídos en salas acondicionadas que suman 608 m2 dedicados a:

• Sala principal de servidores dividida en dúas fases de execución: fase I para 120 armarios e fase II para 108 armarios-
• Sala de Comunicacións de 48 armarios
• Sala de Housing de 24 armarios para albergar equipos de organismos oficiais externos á Xunta de Galicia.
• Sala de Copias de Seguridade con 10 armarios que albergarán as unidades de cinta para a realización de backups
• Sala de Operadores de Telecomunicación con 13 armarios onde os operadores terminan as súas fibras ópticas nos equipos de comunicacións para prestar os servizos que require o CPDi.

cpdi.jpg

Durante o tour aproveitouse para visitar a nova exposición “Gallaecia Petrea” no recentemente inaugurado edificio do Museo de Galicia. A mostra fai un percorrido pola historia da construción da cultura galega a partir dun elemento tan emblemático como é a pedra.

cpdi.jpg

Coa finalidade de poñer en valor o conxunto do patrimonio galego, se contaron coa colaboración de 91 institucións que cederon pezas para a mostra. A participación destas entidades converterá a mostra non só nunha viaxe á historia da cultura de Galicia a través da pedra, senón tamén nun escaparate das xoias artísticas que se estenden ao longo da xeografía galega.

A montaxe pola que apostou a consellería baséase en materiais galegos que entran en diálogo co particular arquitectura do edificio que a acolle. Deste xeito, o visitante que se achegue ao Gaiás poderá considerar dous conxuntos artísticos ao mesmo tempo: o das obras que integran a exposición e o propio Museo de Galicia.

cidade.jpg

coetg_001_0.jpg