XI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2006

NGT2006Grupo.jpg
Autoridades e Membros da Xunta Directiva da AETG/COETG na NGT2006

O Gran Hotel Hesperia da Toxa acolleu o pasado 17 de novembro a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2006, gala organizada pola Asociación e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación Galicia (AETG-COETG), na que se deron cita máis de 300 profesionais do sector TIC, superando así cifras de asistencia de edicións anteriores. O acto, que camiña xa pola súa XI edición, estivo presidido polos conselleiros de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez e pola conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal.

A presentación en exclusiva para Galicia do sistema operativo Windows Vista & Office 2007, da empresa Mirosoft Ibérica, abríu o programa da XI Noite Galega das Telecomunicacións, da man do Director de Sistemas de Comunicación e Media, Francisco Monteverde, quen ademais impartíu unha conferencia baixo o título: “TIC: novas formas de traballo e novos xeitos de vida”.

Ademais, tivo lugar o acto de presentación do Proxecto PuntoGal (.gal) á comunidade tecnolóxica de Galicia, da man da Directora Xeral de Promoción Industrial, Elena Veiguela Martínez. De seguido intervíu o Presidente de PuntoGal e secretario da Real Academia Galega, Manuel González, quen achegou as claves desta iniciativa, xurdida da Promotora PuntoGal, que pretende conseguir para a lingua e a cultura galegas un dominio proprio en Internet. Pechou o acto o Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xavier Blanco, falando sobre o significado de “Internet, instrumento de desenvolvemento para o País”.

manuel_gonzalez_0_0.jpg


No marco da Noite, a AETG fixo entrega dos seus tradicionais premios. Nesta ocasión, o Director Xeral de R, Arturo Dopico, recibíu a distinción Enxeñeiro do Ano 2006, pola súa decisiva contribución ao desenvolvemento da profesión de enxeñeiro de telecomunicación en Galicia, destacando especialmente a consecución do máximo nivel de dirección no segundo operador glogal de telecomunicacións de Galicia, así como o fomento, desde ese posto, dos investimentos en infraestructuras na comunidade galega.

O Conselleiro Delegado de Televés, José Gabriel Barreiro Pérez, converteuse en Socio de Honra da AETG; o Premio á Mellor ao Proxecto TIC con Beneficios Sociais correspondeulle este ano ao Programa Rede de S@úde, da Consellería de Sanidade; o Premio á Mellor Aplicación TIC foi para a empresa Imaxin Software polo seu programa Opentrad e o Premio Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial TIC para a empresa coruñesa LambdaStream.

O Conselleiro Delegado de Televés, José Gabriel Barreiro Pérez, pasa a engrosar no presente ano a lista dos Socios de Honra da AETG, distinción que premia as personalidades destacadas no apoio e na promoción do sector TIC en Galicia. As Xuntas Directivas da AETG e do COETG valoraron como razóns determinantes deste recoñecemento o seu liderato en canto a: o alto compromiso coas tecnoloxías da Información e da Comunicación dentro da súa propia organización e o seu extraordinario labor na creación e consolidación do sector das telecomunicacións en Galicia ao terlle dedicado preto de 50 anos á fronte de Televés e das empresas do grupo. Tamén recoñece a súa dedicación ao ensino universitario na Facultade de Económicas e Empresariais da USC, onde ten impartido cursos de dirección e administración de empresas durante 30 anos.

O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, que recoñece aqueles proxectos ou traxectorias das telecomuniacións que lle aporten beneficios á sociedade en xeral, concedéuselle nesta ocasión á Consellería de Sanidade, da Xunta de Galicia polo Plan de Tecnoloxías e Sistemas de Información da sanidade galega: Rede de S@úde, que supón un importante impacto nos beneficios sociais como dinamizador do servizo sanitario público. Entre os seus múltiples obxectivos figura o inicio da Historia Clínica Electrónica nos complexos hospitalarios galegos antes do remate do 2006; a creación de 700 novos postos sanitarios informatizados en Atención Primaria e a prescrición electrónica nos mesmos.

O Premio á Mellor Aplicación TIC 2006, que recoñece as aplicacións das novas tecnoloxías aos sistemas de operatividade empresarial e industrial, corréspondelle este ano a Imaxin Software polo seu programa Opentrad, que aposta pola tecnoloxía aplicada ao ámbito lingüistico e a integración das distintas linguas do Estado nas comunicacións electrónicas.

O Premio Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no Sector TIC, patrocinado pola Fundación do mesmo nome e dotado con 6.000 euros, correspondeulle nesta edición á empresa coruñesa LambdaStream pola súa aposta pola incorporación de valor engadido nos seus produtos; polo seu modelo integral de negocio e pola súa visión estratéxica do mercado internacional.

Durante a súa intervención, o Decano/Presidente do Colexio/Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, convocou a todos os asistentes a apostar polo sector TIC galego, porque “é rico en base aínda que cómpre impulsalo”, asegurou. Por iso, instou á Administración a que prepare o terreo para a creación dun tecido empresarial, industrial e profesional que dea como resultado que “na configuración da economía galega, o sector das telecomunicacións e a sociedade da información obteña un peso análogo ao doutras rexións e países relevantes do noso contorno europeo, como Irlanda, Gales ou Dinamarca”

Así mesmo, solicitoulles aos representantes da Administración que se volquen no desenvolvemento deste sector e que a Xunta habilite os recursos necesarios para asentalo e expansionalo, “que pase das palabras aos feitos, para o que pode contar, dixo: “co apoio incondional de todos os enxeñeiros de telecomunicación de Galicia representados polo COETG/AETG”.


Os nosos patrocinadores: