XIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2008

ngt2008.jpg

O Gran Hotel Hesperia da Toxa acolleu a XIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2008, punto de encontro para os profesionais das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e a sociedade da información. Esta edición, presidida polo xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, e organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), contou coa presenza do cosmonauta da Federación Rusa con récord de permanencia e paseos no espazo, Sergei Krikalev, e a vicepresidenta de FITCE, Federación de Enxeñeiros de Telecomunicación da Unión Europea, Olga Pérez, arroupados, todos eles, por preto de 400 profesionais do sector TIC, conseguindo superar así as cifras de asistencia de anos anteriores.

A Xuntanza do Sector Tecnolóxico e Aeroespacial co cosmonauta da Federación Rusa, Sergei Krikalev, abriu o programa da XIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que este ano se adicou ás Telecomunicacións e ao Espazo. A reunión, á que asistiron representantes do sector espacial, tecnolóxico e colexiados, tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.

A mesa redonda sobre “A Industria Espacial e as Telecomunicacións”, congregou, xa pola tarde, na Illa da Toxa, ás empresas tecnolóxicas galegas, integrantes do sector espacial español a través de representantes da asociación Proespacio, así como aos enxeñeiros de telecomunicación do COETG.

No marco da Noite, o COETG fixo entrega dos seus xa tradicionais premios Galicia das Telecomunicacións. O galardón Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no Sector TIC, patrocinado pola Fundación do mesmo nome e dotado con 6.000 euros, correspondeulle nesta edición á empresa WIRELESS GALICIA en recoñecemento ao esforzo nos labores de I+D no campo das TIC aplicadas a proxectos de interese sociosanitario así como á traxectoria e proxección da empresa. Unha iniciativa que propón a aplicación das tecnoloxías móbiles e accesibles ao sector sociosanitario, contribuindo ao desenvolvemento da rede de saúde de Galicia, e facilitando o seguimento desde o domicilio de determinados parámetros médicos (peso, nivel de actividade física, etc) a enfermos con patoloxías crónicas.

O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, que recoñece aqueles proxectos ou traxectorias das telecomuniacións que lle aporten beneficios á sociedade en xeral, concedéuselle nesta ocasión á Taboleiro Dixital, un proxecto dirixido pola directora do Centro de Educación Especial Rexional de Xordos de Santiago, Fátima García, quen foi a encargada de recoller o galardón, en colaboración co director da ETSET da Universidade de Vigo, José María Pousada. O proxecto tórnase axeitado para a súa utilización no ámbito logopédico, e concibiuse como ferramenta para mellorar a calidade de vida, a autonomía, a integración co medio, a independencia e o acceso á sociedade da información das persoas con problemas de comunicación e cognitivos a través desta solución software baseada nun marcador electrónico que ademais reúne os requisitos de ser económico, funcional, flexible e motivador.

O Premio á Mellor Aplicación TIC 2008, que recoñece as aplicacións das novas tecnoloxías aos sistemas de operatividade empresarial e industrial, correspondeulle este ano á empresa Bit Oceans Research, polo seu proxecto “FIVIDOC”. Unha iniciativa única en toda Galicia, que xorde como a solución ao problema da falsificación documental, evitando tanto a xeración de documentos enteiramente falsos, como a alteración, mediante técnicas manuais ou informatizadas, do contido dos mesmos. É ademais unha solución singular, automática, válida para calquera tipo de documento e que emprega só impresoras e escáneres convencionais para localizar e sinalar as alteracións fraudulentas realizadas sobre o contido dos documentos. Fividoc permite, en definitiva, a protección global do contido dos documentos, detectando alteracións en texto, imaxes, táboas ou fotografias.

Nesta edición o COETG tamén fixo entrega dunha placa conmemorativa a modo de distinción especial ao Mérito Científico e Tecnolóxico Global 2008 en recoñecemento ao programa espacial da Federación Rusa dirixida ao cosmonauta Sergei Krikalev.

Nesta ocasión, o director xeral de Sistemas Audiovisuais Itelsis, Gerardo García Alvela, recibiu a distinción Enxeñeiro do Ano 2008 pola súa aposta persoal a prol do patrimonio industrial de Galicia no sector TIC, polo seu dinamismo, xuventude, así como polo aire novo que aporta no seu proxecto.

O Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, pasa a engrosar no presente ano a lista dos Socios de Honra da AETG, distinción que premia as personalidades destacadas no apoio e na promoción do sector TIC en Galicia. As Xuntas Directivas do COETG e da AETG valoraron como razóns determinantes deste recoñecemento o seu liderato en canto: o seu compromiso e o do seu goberno co desenvolvemento das TIC en Galicia, garantindo a súa implantación en todos os eidos da sociedade, o que lle permitirá ao noso país posicionarse como referente da vangarda tecnolóxica e competir, con selo galego, no contexto internacional. E o seu apoio e o do seu goberno ao Colexio Oficial e á Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e ás iniciativas que emprendemos a prol da consolidación e o éxito das empresas TIC galegas.

Ao evento tamén acudiu a vicepresidenta de FITCE (Federación de Enxeñeiros de Telecomunicación dos Estados Membros da Unión Europea), Olga Pérez Sanjuán, quen, no transcurso da velada, leu un comunicado do presidente, Barry Reynolds, anunciando a escolla de Galicia como punto de encontro para a celebración do congreso FITCE 2010, coincidindo coa festividade do Ano Xacobeo.

A clausura do acto correu a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, previa intervención do decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, quen abordou a importancia clave das TIC, en xeral, e da súa aplicación na industria espacial, en particular, para acadar o pleno desenvolvemento económico, industrial, social e cultural de Galicia e a súa converxencia con outros países de primeira orde. Así mesmo, reseñou os obxectivos fundamentais marcados polo colectivo dos enxeñeiros de telecomuniación ao posicionarse, dixo “a favor de conseguir para a nosa Comunidade a Axencia Española do Espectro, o que suporía a nivel internacional, ademais da creación dun importante número de postos de traballo, un aumento considerable de infraestruturas soporte”.

Os nosos patrocinadores:


Presidencia. Secretatía Xeral de Comunicación Consellería de Innovación e Industria Ministerio de Industria Turismo y Comercio Plan Avanza Feder Abertis Telecom Alcatel-Lucent Arteixo Telecom Caixa Galicia Cisco Egatel Fundación Ingeniero Gerardo García Campos Fundación Vodafone Vitelsa IBM Imatia innovación Ineo Microsoft Oracle R RetegalSES-Astra Telefónica Televés Tredess Ufinet

Descargar programa do evento (PDF, 1,93 MB).

XIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información


Dossier de prensa


XIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información