XVI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2011

mesa_ngt2011_1.jpg

Galería de imaxes

Programa do acto

O Gran Hotel da Toxa acolleu, o pasado venres 21 de outubro, a XVI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2011, punto de encontro para os profesionais das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información, adicada, nesta edición, á Nova Economía sobre a Banda Larga. O evento, presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, contou coa presenza, entre outros, da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e dun padriño de primeira orde, o presidente da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), Bernardo Lorenzo, quen reflexionou sobre o presente e futuro das Telecomunicacións en España, como vector de recuperación económica.

O acto, organizado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), congregou a preto de 300 profesionais das telecomunicacións, consolidándose como o referente indiscutible do sector TIC galego.

No marco da Noite o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, aproveitou para radiografar a situación actual das TIC en Galicia amparándose en diversos informes oficiais, como o último estudo da CMT con datos de 2010 sobre a “Penetración de servizos finais e de infraestruturas de Telecomunicación”, que sitúa a Galicia no terceiro posto no mapa nacional con menos conexións de ADSL e cabo por habitante. Ou a recente enquisa do INE sobre “Equipamento e Uso de Tecnoloxías de Información e Comunicación nos Fogares” con datos de 2011, que pon de manifesto que Galicia segue a sufrir unha enfermidade: o analfabetismo dixital. A porcentaxe de fogares que teñen acceso a unha conexión en Galicia está moi por debaixo da media nacional. Só Estremadura obtén peores resultados que Galicia.

mesa_ngt2011_1.jpg

Estes datos atribúense ás barreiras tradicionais como son as especiais características do territorio galego tales como a situación periférica do noso país no contexto europeo, a orografía, a dispersión, o envellecemento da poboación, ou o importante peso das micro e pequenas empresas no noso tecido empresarial. Mais estas non son infranqueables, comentou o decano do COETG, “porque así o amosa o feito de que no uso das tecnoloxías por parte dos mozos galegos estes estean por riba da media nacional. Nestes nativos dixitais atópase o futuro da nosa comunidade. Eles serán os garantes do progreso da sociedade galega”.

decano_ngt2011.jpg

Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013, columna vertebral das políticas tecnolóxicas da Xunta de Galicia

Pola súa banda, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou a importancia do Plan de Banda Larga como columna vertebral de todas as políticas tecnolóxicas da Xunta e como elemento fundamental na dinamización económica. A responsable do departamento autonómico recordou que o obxectivo do Plan Banda Larga de Galicia 2010 – 2013” é conseguir unha Galicia totalmente interconectada que sirva de base para a potenciación do sector TIC e a integración das novas tecnoloxías en todos os ámbitos da sociedade”.

marpereira_ngt2011.jpg

Durante a gala, o COETG tamén fixo entrega dos seus xa tradicionais Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. O galardón Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no Sector TIC correspondeulle, nesta edición, á empresa Ilux Visual Technologies polo seu proxecto Sistema Avanzado de Navegación sobre Terreos Interactivo. O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais concedéuselle a Bahía Software polo seu programa Bay Dicom Media. O Premio INEO á Mellor Aplicación TIC 2011 foi para a empresa Contact Comunicación polo proxecto denominado Orama. O Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC recaeu no enxeñeiro de telecomunicación Gonzalo Vázquez Vilar pola súa tese “Interference and Network Management in Cognitive Communication”.

fotogrupo_ngt2011.jpg

Jorge Cebreiros Arce, presidente de INEO, converteuse no Socio de Honra desta edición e Fernando Pérez González, director xerente de Gradiant, recolleu o galardón de Enxeñeiro do Ano da XVI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.

fotodual_ngt2011_1.jpg

A clausura do acto de entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións correu a cargo do Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, que se deixou levar polo ambiente da Noite e deixou a un lado o seu discurso oficial para gabar o labor de innovación e o valor do esforzo que todos os premiados realizaran para chegar ata aquí.

javierguerra_ngt2011.jpg

Destacou tamén unha característica común a todos eles que debe servir como exemplo a toda a sociedade galega, a capacidade de non ter medo ao fracaso, xa que se ben todos os galardoados estaban aquí polo seu éxito, este era froito do traballo, a innovación e o esforzo, que non sempre alcanzan o resultado esperado, pero é nese camiño e nesa busca, onde reside o verdadeiro potencial, con independencia da súa culminación.

Concluíu a súa intervención afirmando que "Galicia vai cambiar o paso, ten que facelo, e desexou aos presentes "que esta festa se siga celebrando moitos anos máis e con tantos motivos para celebrar", felicitando tamén ós premiados.

sala_ngt2011_1.jpg

presentacion_ngt2011.jpg

En agradecemento aos nosos patrocinadores:

cartel_ngt2011_g_0.jpg