
O Gran Hotel da Toja acolleu o venres 25 de outubro a XVIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2013, punto de encontro para os profesionais das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información, dedicada, nesta edición, ao TIC e a mellora da seguridade viaria. Un evento ao que asistiron destacadas personalidades autonómicas, provinciais e locais como a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez Casado, o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde López, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez, e o alcalde do Grove, Miguel Anxo Pérez García.

O acto, organizado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), congregou a preto de 300 profesionais das telecomunicacións, entre os que se atopaba unha delegación da Autoridade Nacional de Regulación das Telecomunicacións de Turquía que abriu a porta a futuros proxectos entre ambos os países.
No marco da Noite, o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, avogou pola necesidade de establecer unha colaboración estreita entre as telecomunicacións e a automoción, manifestando o convencemento de que ambos os sectores punteiros, non só poden colaborar para levar a cabo grandes proxectos, senón que están obrigados a facelo, "porque xuntos están chamados a ser o motor de crecemento económico de Galicia".
Cooperación intersectorial para mellorar a produtividade e a competitividade
Neste contexto, Ramón Bermúdez de Castro lembrou que o sector TIC en Galicia da emprego directo a 15.473 persoas, alcanzando unha facturación de 2.240 millóns de euros, o que representa un 2% do PIB galego. "Non podemos esquecer ademais que este sector supón un 25% do crecemento do PIB da UE e que contribúe en máis dun 40% ao incremento anual da produtividade do vello continente", apuntou durante a súa intervención.
Tendo en conta os datos anteriormente expostos, e que as empresas do Clúster de Automoción empregan a 18.500 persoas, cunha facturación equivalente ao 11% do PIB galego, "fai falta intensificar o nivel de cooperación do sector das telecomunicacións co resto de sectores crave da economía como o da automoción, para contribuír a mellorar a produtividade e competitividade, favorecendo ademais o incremento do índice de industrialización no ámbito do TIC", declarou o decano do COETG.

Unha cooperación intersectorial que brindaría un amplo abanico de oportunidades por exemplo: sistemas de transporte intelixentes, coches que se auto-conducen, que se comunican entre si ou coas infraestruturas, paneis de realidade aumentada ou carrozarías que almacenan enerxía, entre outras.
Por iso é polo que as infraestruturas de telecomunicacións deban desenvolverse sempre paralelamente ás infraestruturas viarias como unha soa entidade que permita a conexión do vehículo e dos seus ocupantes cos centros de datos, de control e, en última instancia, coa rede, na que a innovación será o factor que permitirá marcar o valor diferencial fronte ao resto de rexións europeas.

Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información
Durante a gala, o COETG tamén fixo entrega dos seus xa tradicionais Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Nesta ocasión, o director xeral de Imatia, Fernando Vázquez Núñez, foi nomeado Enxeñeiro do Ano 2013. Unha distinción instituida polo COETG para recoñecer o destacado labor profesional deste enxeñeiro de telecomunicación que desenvolveu numerosos proxectos tecnolóxicos punteiros. Destaca, entroncando coa temática do evento, a súa colaboración con PSA Citröen nunha innovadora aplicación.

Durante o seu discurso, o director xeral de Imatia defendeu a necesidade de converter o potencial galego en empresas capaces de crear produtos e servizos diferenciados cos que se poida competir no mercado internacional. "De ser tradicionalmente un país importador de tecnoloxía, agora estamos en condicións de cambiar esa situación e empezar a ser un país capaz de crear e exportar a súa propia tecnoloxía", afirmou durante a súa intervención.
O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro Durán, converteuse nesta XVIII edición da Noite en Socio de Honra da AETG, galardón co que se premia ás personalidades destacadas no apoio e na promoción das telecomunicacións, en recoñecemento ao compromiso que mostrou co sector na súa etapa á fronte da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia.

O galardón Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no Sector TIC correspondeulle, nesta edición, á empresa Confirmsign pola aplicación que leva o seu nome e que conta cunha clara orientación á internacionalización e consolidación de mercados e por ser unha iniciativa nova con proxección de crecemento.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais concedéuselle ao proxecto MBeat de ImaxDI. Un innovador dispositivo que permite o telediagnóstico cardiológico en tempo real, acurtando os tempos e minimizando o dano cardiovascular, o que achega un gran beneficio social aos pacientes e aos sistemas de saúde.

O Premio INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador foi para a Plataforma Galega de Telegestión de Contadores PRIME para as redes eléctricas intelixentes, de Telecon Galicia, como proxecto industrial asentado na Comunidade galega que xerará novas oportunidades de desenvolvemento baseadas nos datos obtidos polo sistema e que abre a porta a novas aplicacións no estratéxico sector da eficiencia enerxética.
E o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC recaeu en Alejandro Neto Lareo pola tese titulada "Dynamically Reconfigurable Architecture for Embedded Computer Vision Systems", que aborda o problema real da limitación das arquitecturas de hardware dispoñibles para aplicacións de visión por computador.



